Opinión

Cancións de verán

Veño de dar unha pequena camiñata pola praia, coas miñas fanequeiras de rigor, non vaia ser que un peixe deses de aleta dorsal velenosa me leve ao posto de socorro como lle teño visto facer nestes días a algúns rapaces dos que xogan ao fútbol ao ladiño da auga en marea baixa. Para min todas as precaucións son poucas a estas alturas de liga, e por facer ata lle fago caso ao meu dermatólogo que cando lle pregunto canto tempo é recomendable poñerse ao sol, respóndeme que a poder ser ningún; para a vitamina D xa chega cos raios que recibimos ao pasear. E para campar en pleno mes de xullo hai unhas cremas autobronceadoras que rite ti do moreno “Made in Caribe”. Se a todo iso lle engadimos que non queres lucir os teus encantos baseados nas lorzas que fuches acumulando ao longo do ano, e que por moito que o intentaches no último mes non fuches quen de reducir un só centímetro de bandullo, pois camiseta protectora, viseira de rigor e auriculares para facer a camiñata máis entretida, mentres vas vendo como entran os cargueiros pola Ría de Vigo, vistos desde Cangas, e ós rapaces máis pequenos, que os pais matriculan nun curso intensivo de windsurf para telos entretidos un tempiño, caendo unha e outra vez da táboa a proba de paciencia infinita.

Os integrantes de Fórmula V.
Os integrantes de Fórmula V.

Antes de saír a dar estes garbeos matutinos e vespertinos bótolle unha pensada sobre que tipo de música desexo que me vaia acompañando, e claro, despois de darlle mil voltas ao Spotify que me suxire moitas das cancións reguetoneiras que tan de moda están, voume sempre ao mesmo, a aquelas cancións de verán que marcaron toda unha época da nosa infancia e adolescencia.

E caes unha vez máis nesa “lista de éxitos” onde te deixas contaxiar por cancións das que non esqueciches nunca a letra, e vas coreando a “Bámbola” de Patty Pravo, a “Charanga” de Juan Pardo, “Penélope” de Serrat ou “Cuando caliente el sol” dos Hermanos Rigual; ata que caes rendido cando van soando aleatoriamente esas cancións que crearon a marca de “Canción del Verano” e que soaban unha e outra vez en todas as emisoras de radio da época. A irrupción de Los Brincos, Juan y Junior, Los Diablos, Fórmula V, Tony Ronald, Los Bravos, Karina, Duo Dinámico, e por suposto o noso Andrés do Barro, que logrou ser número un en toda España cantando en galego “O Tren” ou “Corpiño Xeitoso”, fixeron que ata se organizaran concursos radiofónicos para ver cal era a canción daquel verán en concreto, con permiso de Georgie Dann, que desde o seu “Kasatschok” ata “La Barbacoa” e cousas polo estilo, conseguía dar sempre a badalada e levarse unha parte grande do pastel veraniego. Eu penso que o amigo King Africa foi un fiel continuador deste estilo de música pegadiza e desenfadada, e que por certo non ten un día libre este verán coa cantidade de galas que lle saen por todo o país, visitando con moita frecuencia a nosa terra onde é moi querido. A min encántame que veña de cando en vez ao “Bamboleo” porque é deses artistas que sempre reman a favor e que gozan do seu traballo mesmo sorprendéndote en calquera momento fóra de guión, como unha das veces que nos visitou e entrou como elefante nunha cacharrería dicindo que se aburría no camerino e que quedaba comigo a presentar o programa. Xenio e figura.

Eu se tivera que elexir unha desas cancións que marcaron non soamente un verán, senón moitos veráns ata o día de hoxe, sería o “Cuéntame” de Fórmula V, que tantas versións de éxito lle fixo a serie de TVE.

Te puede interesar