Opinión

Cantando con Sabela

Hai uns días chamoume a cantante Sabela para dicirme que acababa de gravar unha versión actualizada de “Lonxe Deiquí”, unha canción composta hai xa moitos anos polo querido Bernardo Xosé, noutrora cantautor e logo un dos compoñentes máis senlleiros do grupo “A Roda”. Moito antes disto, lembro a este artista nun concerto que deu no Salón de Actos dos Salesianos de Ourense con cancións da súa autoría como “Peixiño do mar”, “Para ti Dolores” ou “O Afiador”. E xa moitos anos despois tiven o pracer de contar con el e coa súa simpatía e saber nunha tertulia radiofónica que faciamos na Radio Galega sobre temas de actualidade e sobre as nosas músicas. Sempre era un luxo conversar con este trobador que tanto fixo cantar e bailar a toda Galicia recreando os éxitos cos que “A Roda” segue percorrendo o País, desde “O Gato” ata “O Andar Miudiño”, o “Pousa Pousa”, a “Foliada de Carramales” ou para os máis militantes futboleiros a “Foliada do Celta”, que en máis dunha ocasión puxo en pé a milleiros de almas no estadio de Balaídos.

Pois volvendo ao principio, a amiga Sabela, que sabe perfectamente que esta é unha das cancións que máis me gustan da súa ampla discografía, e que eu puña na “Sesión Vermú” da radio día sí e día tamén, convidoume a facer un dueto con ela; a resposta non se fixo agardar, alá que me fun a “Edisco” da Estrada co sempre amigo e fantástico productor, arranxista e compositor Fernando Campos, para poñerlle a miña voz a este poema, que por se non quedaba claro, o seu título é máis ourensán que As Burgas, con ese “eiquí” que nós dicimos en vez do “aquí” que a min tanto me sorprendera no meu desembarco en Compostela.

E aí está a canción, agardando a poder cantala en calquera momento que ao amigo Gayoso lle encaixe no seu programa, será un pracer reestreala tantos anos despois, conservando o toque noventeiro que daquelas lle imprimiran nos estudios de gravación de Barcelona, a onde Sabela acudía con frecuencia.

Sempre me gusta lembrarlle a esta artista amiga aqueles anos nos que ela comezaba dando un auténtico “pelotazo” na venta de casetes en toda canta feira e romería había, o famoso “Galego Mix” soaba a todo volume e eu preguntábame quen era aquela muller que o cantaba, porque daquelas digamos que a música máis popular estaba reservada para a recordada Ana Kiro, para a que tiveron que inventar o “Casete de Ouro” pola venda de máis de cen mil copias do “Galicia Terra Meiga” que soaba cada tarde nos “Discos con Dedicatoria” das emisoras de radio de Ourense e de toda Galicia.

Chegou a dicirse, porque de todo se di e se inventa, que Sabela era filla de Ana Kiro, nin tal cousa, pero moitos vían nela unha firme sucesora da cantante de Arzúa; pero Sabela sempre quixo sorprender e non quedar naquelas músicas máis folclóricas que tanto lle gustaban ao seu público, e lle seguen gustando. Sería a tamén querida Pili Pampín quen máis se aproximaría ao repertorio de Ana Kiro, cos seus popurris, as súas rancheiras, os seus boleros e a copla que tanto lle gusta e que tan ben canta.

Sabela probaría novos ritmos e novas formas, gravando cancións de corte máis popeiro ou arriscando e recreando en galego algúns dos grandes éxitos de grupos como “Abba” ou “Báccara”, como ese “En Galego moito mellor” que gravou o ano pasado e que se non fora pola pandemia teriase convertido claramente nunha das “cancións do verán”. Aínda está a tempo.

Te puede interesar