Opinión

Con Carlos Baute

Durante os ensaios do “Bamboleo” sempre aproveito para paliquear un chisco cos artistas que nos visitan, xa que é o momento máis distendido mentres proban as cancións e axustan con Javier Varela, o excelente pianista que compartimos co Hostal dos Reis Católicos, o tema co que van homenaxear ás parellas de maiores protagonistas da “Canción Dedicada”. Nestes ensaios hai momentos incribles porque chegan a converterse en miniconcertos de luxo para o equipo do programa, como os protagonizados por Dulce Pontes, Lucrecia, Dyango, María do Ceo, Moncho, David Civera, Merche, Uxía ou Albert Hammond, entre outros grandes artistas, eses que gustan de cantar en directo e nunca teñen présa por rematar.

E sen présa chegou Baute ao plató, relaxado e tranquilo, sabendo que no noso programa nunca temos interese en afondar na vida privada dos artistas, maís alá do que eles por vontade propia nos queiran contar. Sabe que nin sequera lle faremos referencia aos problemas que está tendo co fillo non recoñecido, porque para iso xa están outros programas que se dedican a destripar eses asuntos e que xa contaron coa presenza esta semana do xoven José Daniel Arellán.

Nós ao noso, que non é outra cousa que ofrecer espectáculo de calidade para toda a familia, no que contaremos ademáis con “Habelas Hainas”, un estupendo grupo galego de música tradicional, comprometido fondamente coa causa feminista, e visitaranos tamén o gran showman vigués Alberto Cunha, que xa está preparando para decembro un gran concerto no Teatro García Barbón a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro; gran artista e gran persoa Alberto Cunha, a quen lle teño gran estima, o mesmo que a Baute desde que chegara por primera vez ao noso País, sendo un perfecto descoñecido por estes lares anque xa famoso en boa parte de Latinoamérica, e lle ofrecimos participar no “Tequelexou”, cousa que agradeceu tanto que se comprometeu conmigo en directo a que cando volvera sendo famoso visitaría de novo o plató para compartir connosco as súas cancións; e así foi, e de xeito gratuito, cousa que lle honra e que os que fixemos o programa non esquecemos, como non esquecemos o gran triunfo de Alberto Cunha nese mesmo programa, onde cantando o “Margherita” de Riccardo Cocciante se alzou co primeiro premio obtendo un pleno total de deces, incluído o do eurovisivo José Luis Uibarri que aquel dia tamén formaba parte do xurado.

E falando do “Tequelexou”, teño que recoñecerlle aquí o gran valor que tivo de servir de amplificador potente para todos aquele xóvenes que comezaban tímidamente a despuntar nos bailes de salón; hoxe algúns daqueles nenos, como Adrián e Patricia, que estiveron no “Bamboleo” a pasada semana, son Campións de Europa e unha das parellas máis recoñecidas a nivel mundial. Daquelas abriron moitas escolas de baile pola xografía galega, algunhas delas continúan hoxe aportando grandes campións para o xa chamado Baile Deportivo, que xa non teñen nada que envexar a aqueles rapaces cataláns que traiamos de exhibición. En todo hai que facer canteira, mesmo no Baile Deportivo.

Te puede interesar