Opinión

Que chege setembro, por favor

Chéganme xuntos ó meu correo electrónico as últimas ofertas de viaxes a destinos paradisíacos e os últimos datos de Amnistía Internacional sobre penas de morte e atentados contra os dereitos humanos.


Como este ano decidín non formar parte deses millóns de desprazamentos que anuncia cada agosto a ‘Dirección Xeral de Tráfico e Recadación Radaril’, e disfrutei deste marabilloso ‘mal tempo’ galego que tanto preocupa o sector turístico; puiden ler moito, ver moito informativo e pensar abundantemente sobre o divino e o humano, sen o agobio de ter que reservar medio metro cadrado de praia ás sete da madrugada ou ter que encargar paella-engrudo a prezo de caviar para compartila con moscas, mosquitos e señores que, confundindo o restaurante de praia co seu cuarto de baño, locen peludas barrigas cervexeiras mentres devoran unhas ‘gambitas de Huerva’ con ‘tipical sangría hispanish’.


Xa ven que ano tras ano despotrico contra este mes de agosto hortera e masificado no que as empresas e o Estado nos obrigan a descansar e facer quilómetros. Pero a realidade, que é moi caprichosa e malvada, encárgase cada verán de enchernos as praias de inmigrantes desesperados que se preguntan que pecado cometeron ó nacer, e a aviación civil lémbranos que, igual que no asfalto, as autopistas do ceo están saturadas e cobran o seu macabro tributo en vidas humanas. Tamén o mes de agosto lles é propicio ós señores da guerra para solucionarlles a crise ós seus amos da industria armamentística, montándolles batalliñas salpicadas por todo o orbe nas que os mortos son soamente cifras para os telediarios; e aproveitando que estamos todos pasmados diante da tele vendo fogos de artificio ou como unha nena chinesa canta en play-back unha olímpica canción de paz, os crueis dictadores do mundo aproveitan para torturar e matar impunemente a todo aquel que cuestione a súa autoridade ou faga perigar a seguridade das súas arcas.


Por se fora pouco, as grandes axencias internacionáis de noticias fannos comulgar tódolos días con interminables e absurdas campañas electoráis americanas como se nos fora a vida nelo; ou con indecentes fichaxes futbolísticas de clubes que en vez de representar ós pobos e potenciar o deporte de base, protagonizan a última entrega da Guerra das Galaxias, mentres os hipnotizados pais e nais de familia pagan cantidades astronómicas para que o seu neno luza orgulloso a equipaxe completa e auténtica de Messi ou Iker Casillas.


Unha pena que ese rapaz non poida ver a esoutros nenos asiáticos explotados en condicións infrahumanas confeccionando as camisetas e as zapatillas que ateigarán dentro duns días os patios de recreo. Ou aqueloutros nenos africanos que xogan despreocupadamente cunha imitación da camiseta do seu ídolo Eto’o, mentres a súa nai é lapidada por adúltera ou o seu irmau queda para sempre no fondo escuro do Atlántico, por non saber que o mundo idílico ó que quería chegar está de veraneo en agosto e permanece blindado cal banco suizo, limpando o traseiro coa bandeira olímpica e coa Carta Universal dos Dereitos Humanos.

Te puede interesar