Opinión

Cocido na Galiza profunda

Un típico cocido galego.
photo_camera Un típico cocido galego.

E ben profunda e marabillosa que é a Galicia que fun coñecer para xantar o primeiro cocido da tempada, que normalmente temos o costume de facelo coincidir co tempo de Santos. Hai amigos, como Iván e Josecho, de Pontevedra de toda a vida, que decidiron un día que meténdose quilómetros cara adentro, á Galicia máis rural, pasando por estradas nas que como moito pódenche aparecer un par de raposos ou unha familia de xabaríns, podes atopar a paz, o sosego e a beleza que soamente existen neste tipo de lugares. E convídante a coñecer a súa casa e a dar o pistoletazo de saída a este “Tempo de Cocidos” que alteran o colesterol e outros indicadores de mala saúde ata límites que traen dos nervios aos médicos de cabeceira. Confeso que para chegar ao destino fun axudado por ese desquiciante “google maps” que no afán de aforrarche quilómetros desvíate por lugares por onde non pasaron nin as zapatillas de Ana Kiro. Evidentemente para a viaxe de volta pasei olímpicamente da voz cansina do coche e facendo caso á intuición e aos letreiros de toda a vida cheguei á casa por onde tiña que chegar aínda que percorrera dez quilómetros máis. Non me extraña que os camioneiros polacos queden emparedados cos seus trailers no medio da Mezquita por facerlle caso a eses aparellos infernais.

Pero a viaxe fora como fose pagou a pena, porque ademáis dos nosos anfitrións fomos recibidos pola estupenda Elisa, que alí vive, e por Carmen que chegou con toda a sabedoría das terras de Lalín á hora de poñerse diante dos fogóns e dos ingredientes que todo bo cocido debe levar, que como todos sabedes varían un chisco dependendo da zona de Galicia onde a descomunal pota se poña ao lume. A saber, na zona da costa son moi amigos de botarlle polo, cousa que nas terras de Allariz non acostumamos facer; pasa como cos chourizos ceboleiros, uns gustamos máis dos que non son tan compactos e que ao abrilos tintan o prato dunha marabillosa cor bermella que asolaga verdura, orella, rabo, garbanzos, lacón, vitela, touciño, chourizos delgados e quero crer que morro, aínda que eu non o coma, deixando a cachucha para o Entroido, que hai que ir dosificando. Pero nesta ocasión a amiga Carmen sorprendeunos aos que non somos das súas Terras do Deza con un acompañamento de castañas cocidas realmente saborosas ao mezclalas con todo o resto de ingredientes. Pola miña terra deixamos as castañas para o postre, asadas por suposto, e regadas con algún tinto que nos alegre a sobremesa, aínda que corramos o risco, que o corremos e o padecemos, de ter as castañas dentro de nós durante media semana. A min pásame como co pulpo e algunhas empanadas, que me saben a gloria, e aínda que teña claro que me van sentar como o nabizo, fágome o tolo e asumo consecuencias.

E así o fixen nesta ocasión, na que o cocido foi degustado nunha magnífica casa de aldea, das de pedra de toda a vida, que nos permitíu gozar dunha paisaxe fantástica mentres nos poñiamos bonitos co cocido “made in Lalín”. Evidentemente a sobremesa tivo que ser seguida dun marabilloso paseo ao solciño de principios de novembro polo medio de leiras onde pacían as vacas que nos miraron con curiosidade ao pasar, e de mazairas que nos ían agasallando cos seus froitos tardíos durante todo o camiño amenizado pola banda sonora da auga dos regueiros. Deberiamos ter metido nunha caixa unha boa ración desas mazás e enviarllas á xuiza de Marbella para que se entere do que é a nosa marabillosa “Galicia Profunda”.

Te puede interesar