Opinión

Con Álex Casademunt

Xa pasaron uns días desde o fatídico accidente e aínda se me vai a mente a esa cara de amplo sorriso e a esa maneira de facer que as cousas resultaran moi fáciles nos programas nos que el estaba.  

Non tiña máis amizade con el que a de compartir veciñanza durante un tempo en Madrid; pero o certo é que cada vez que nos viamos era como se acabásemos de falar o día anterior; por iso entendo as sentidas condolencias de todos os compañeiros que participaron naquel primeiro "OT", que volvía congregar a toda a familia diante do televisor. Nunca agradecerei bastante o riquísimo xamón co que "La Región" quixo agasallarme polo Nadal e do que demos boa conta uns cantos amigos mentres durou o concurso.

E aí estaba o ben querido Álex, coa súa simpatía e as súas maneiras peculiares de participar no mesmo, unhas maneiras que cativaban á audiencia aínda que non lle concederan o beneplácito de ser o máis votado. Ben sabiamos moitos que a gañadora ía ser Rosa e que os grandes gurús da industria discográfica xa estaban traballando arreo para o lanzamento daquel almeriense de rizos e reviravoltas que co seu descaro, aprendido en moitos palcos de orquestra, e a súa voz ían facer del o que agora mesmo é. Bisbal tiña todas as papeletas vendidas e un "Ave María" engadido para sair en procesión pola porta grande, como así foi.

Pero Alex era un deses rapaces que caía ben, que gustaba, que cantaba sen grandes alardes de voz nin de posta en escea, pero que non deixaba indiferente a aquelas audiencias de loucura que congregaban diante do televisor a millóns de espectadores. Soamente hai que lembrar o record que bateu "Rosa de España" no seu paso por Eurovisión; tamén é certo que o mesmo que a Alex, á gran Rosa nunca lle deron atopado ou axudado a atopar un estilo que a caracterizase á hora de gravar os primeiros discos. 

Cando unha vez rematado o concurso comezaron os grandes prebostes da cousa discográfica a repartir os cromos, a Álex Casademunt tocoulle compartir album con Geno, Javián e Mireia, os bautizados como "Fórmula Abierta", cun estilo que non ía para nada co que él quería transmitir, a pesar de que algúns dos seus singles foran de gran éxito; pero ¿que sabes ti o que facer da vida cando entras nesa Academia sendo un perfecto descoñecido e saes custodiado pola Policía Nacional para que non te coman os fans? Se hai que cantar nun grupo, cántase e punto. Daquelas todo o que levase o logotipo de “OT” estaba "condenado" a triunfar, e significaba un número de ventas discográficas soamente reservadas para os grandes da música. As torres de CDs que había no "Corte Inglés" despois de cada gala eran das que farían historia; xa nin os colocaban nas estanterías, era moito máis cómodo telos ao lado da caixa para non ter que ir cada minuto a buscalos. 

Pois con todas esas credenciais asistían estes "triunfitos" aos programas televisivos unha vez saídos da Academia, e foi aí onde comecei a tratar ata hai ben pouco ao querido Alex, tanto cando viña só como cando viña co grupo, mesmo cando hai pouco se volveron reunir para tratar de aproveitar o nome e darse unha segunda oportunidade; pena que, como a todos, a pandemia os freara en seco e dera ao traste coas súas ilusións. Como un maldito accidente deu ao traste coa vida de Alex. Todo o meu cariño.

Te puede interesar