Opinión

Consistorios e verbenas

Posiblemente aínda hoxe de mañanciña algúns políticos e non poucos cidadáns estean preocupados polas non imposibles sorpresas que a constitución dos Concellos poida deparar. Para uns serán momentos de esperanza, para outros de preocupación, e para non poucos de total indiferencia, sen preocuparlle demasiado a onde foi parar o seu voto ou abstención nas pasadas eleccións. Así é a democracia e a liberdade individual de cada quen. Pero hai colectivos que están demandando que estes procesos se leven a cabo con maior celeridade porque da constitución das corporacións depende a axilización de trámites ou contratos.

Eu transmítolles, porque mo contan cada semana, a preocupación dos artistas, orquestras e programadores que están agardando como auga de maio ter un interlocutor válido a quen ofrecerlle os seus espectáculos, nuns tempos nos que estes colectivos, que dán traballo a miles de personas, están na corda frouxa según a Asociación Galega de Orquestras e a Asociación de Músicos e Cantantes da Verbena Galega. Reivindican estes colectivos a reducción do IVE e a necesaria regularización do sector, mesmo pedindo a declaración da verbena galega como patrimonio cultural.

Non son eu técnico para saber como se pode artellar todo isto cunha solución satisfactoria tanto para os artistas como para o fisco, ó que todos temos que contribuir se queremos que o País medre, pero ben é certo que as nosas romerías teñen peculiaridades de difícil encaixe na Lei de Espectáculos, promulgada para grandes eventos, aínda que máis dun tamén pensará que hai orquestras galegas que meten máis xente que calquera artista nacional ou internacional por moi superventas que sexa. Pero como eu non renuncio ás miñas orixes nin son dos que esquezo o meu pasado, do que me sinto orgulloso por certo, direi que non sei moi ben como se pode contabilizar o diñeiro co que se pagan as orquestras, as bandas ou os gaiteiros, moito del recadado directamente das tómbolas, dos “caballitos”, das colleitas entre a veciñanza ou de todo canto subsahariano acude cun posto de bolsos de dubidosa procedencia.

Pensaba eu nestas cousas cando hai uns dias disfrutaba nun pobo portugués das Festas do Corpus e vía como uns funcionarios negociaban cuns rapaces que instalaran un posto de sombreiros, e cheguei a conclusión de que nestes asuntos, como noutros moitos, ou hai man esquerda ou non hai solución; algo parecido ó que fan todos os governos onde a crise se cebou máis coa poboación, ou miran de cando en vez para outro lado permitindo que cada quen poida sobrevivir facendo un par de traballiños extras ou teñen unha revolta social en toda regra en menos que canta un galo. Dito así poidera parecer que estou xustificando o traballo en “B” ou perdoando que os que governan non saquen ós povos da miseria; para nada, simplemente digo que mentres todo se regulariza como é debido e se fai o imposible por eliminar canto antes as vergoñentas taxas de paro haberá que deixar que a xente respire e, se é posible, se divirta.

Te puede interesar