Opinión

Coristas de luxo

Esta noite estarán en “Bamboleo” as simpáticas e queridas “Supremas de Móstoles”, ás que coñezo desde hai anos cando gravaban e facían as xiras con Juan Pardo. Foi Juan quen mas presentou nunha das súas actuacións no campo de fútbol dos Remedios da capital ourensá, cando estaba triunfando de novo en todo o País cun dobre disco gravado íntegramente no noso idioma, “Alma Galega”, no que estivera acompañado por artistas tan grandes como Serrat, Amancio Prada, El Consorcio, Gwendal, Paloma San Basilio ou os galegos Budiño, Ana Kiro, Xil Ríos, Tita e a ferrolá María Manuela. Todos eles pasaron polos Estudios “Edisco” de A Estrada, e con moitos deles alí coincidín. Pero para as actuacións en directo, ao igual que outros importantes artistas, Juan levaba canda el a estas estupendas irmás que facendo coros eran e son garantía de calidade. Tanto foi así que nas cancións que eu gravei nos Estudios “Track” de Madrid producidas por Juan Pardo tamén quixen que elas foran o acompañamento de luxo, incluída a famosa canción-villancico “Capitán de Madera”, na que conseguiron que as súas voces mesmo pareceran un amplo coro de nenos.

Desde aquelas profesámonos unha gran amizade e xa tiña eu ganas de que viñeran ao noso plató para lucirse en toda a súa plenitude, porque se ben son maiormente coñecidas por unha canción pre-eurovisiva titulada “Eres un enfermo”, teñen excelentes discos publicados nos que recrean os grandes éxitos da música dance e soul dos 80 e 90, porque voz teñen para dar e agasallar. Recoméndovos un dobre album titulado “Las Supremas de Móstoles Philadelphia Disco Party” no que deixan claro porque as piropeo tanto. As persoas que son verdadeiramente grandes poden permitirse esas licencias, brillar cando teñen o papel principal e tamén cando actúan de “secundarias de luxo”.


 E permitídime que hoxe teña un recordo moi especial para quen tamén soubo emocionar grandemente tanto cando representaba papeis estelares como cando permitía que outros e outras se luciran ocupando ela un papel máis discreto. Falo da gran dama da escea galega, Dorotea Bárcena, marabillosa muller que se nos foi esta semana e con quen tiven a honra de compartir moitos meses de tertulia televisiva no “Acompáñenos”, que ela engrandeceu coa súa presenza e o seu oficio. Dorotea era disciplinada e magnífica, e sen renunciar nunca ao seu espírito combativo e incorformista era quen de defender as súas ideas sen incomodar a ninguén, porque a enorme cultura e o seu saber estar facían que aínda que non se estivera dacordo con ela ninguén se sentira especialmente molesto. Esa era a súa grandeza, a dunha muller sabia e xenerosa, a muller que un día dirixíu o Centro Dramático Galego e que soubo adaptarse aos tempos televisivos, onde será recordada para sempre como a simpática e refunfuñona “Amadora” dos Tonechos. 


E eu recordareina sobre todo por estar ao meu carón, sempre cariñosa e participativa, e sempre remando a favor para que todo saíse ben. Ela que era unha gran estrela, e que tamén soubo ser “corista de luxo”, de auténtico luxo. Sempre nosa, querida Dori.

Te puede interesar