Opinión

Coro "Nur" en Santa Cristina de Ribas de Sil

O Coro “Nur” en Santa Cristina.
photo_camera O Coro “Nur” en Santa Cristina.

Inmensa alegría tiven hai unha semana ao atoparme con vellos amigos cos que compartín veciñanza e moi gratos momentos en Moledo-Caminha, e reencontrarnos nun lugar tan marabilloso como o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. 

Estes meus amigos José Ramón e Esperanza chamáronme para convidarme ao concerto do madrileño Coro “Nur”, no que Joserra é un dos seus compoñentes, un coro centrado na música coral contemporánea; tan contemporánea como para ser no seu día o coro titular da xira “Adagio Tour” de Mónica Naranjo, percorrendo os mellores auditorios de España. Fundado en 2007 co obxectivo de difundir a música coral dos séculos XX e XXI, nesta ocasión quixo traer ata a frondosidade de Santa Cristina a música e a poesía, que sempre foron da man, porque tal como reflicte o libreto “son quen de fundirse con facilidade para expresar o sentir humano ante a vida  e a morte”, con pezas que lembran desde os atentados do 11M ou a guerra, ata fermosos versos de Machado ou Lorca, con músicas de grandes compositores espallados polo mundo, desde Escandinavia ata os Estados Unidos.

A tarde estaba magnífica, e a luz do atardecer que se filtraba polas ventás e o rosetón do mosteiro dábanlle ao concerto unha maxia realmente envolvente. De que todo estivese perfecto encargouse o sempre magnífico Paco Magide, co seu equipo e os sempre eficientes compoñentes de Protección Civil. E durante unha hora os asistentes ao evento, incluídos non poucos turistas que entraban motivados polos aplausos, non tivemos máis que deixar voar a imaxinación e gozar da música e da arte. 

Eu confeso que en moitas das cancións deixei viaxar o meu maxín a moitos anos atrás, cando un grupo de amigos de Allariz, entre os que se atopaba o noso sempre querido Manolo Rodicio, quen chegaría a ser o noso párroco, co desexo de que volva selo máis cedo que tarde, fixemos unha preciosa excursión a pé desde o centro de Parada de Sil ata o Mosteiro baixando entre carballos e castiñeiros, rodeados de tal paz e belezas que poucas veces se poden atopar, para darnos de fronte con ese cenobio, que daquelas estaba bastante esquecido, pero que nos transportou aos séculos nos que fora habitado polos primeiros monxes, aqueles que foron enchendo de arte as máis fermosas paraxes da Ribeira Sacra.

Sempre me pregunto que pasará cando estes lugares dos que tanto podemos presumir se convertan, aínda máis, en destino turístico de milleiros de persoas. Alguén me dicía que sería necesario establecer “buses lanzadeira”, con prohibición para os coches particulares. Xa hoxe en día, algún sábado pola tarde as estreitas estradas de toda a Ribeira Sacra teñen máis tráfico que a Autopista do Atlántico. E non dubido que os veciños de Parada de Sil e doutros concellos, sobre todos os que teñen negocios, estarán encantandos de recibir a todo o mundo e dar a coñecer o moito e bo que atesouran, e como lle poñan de pincho a ración de tortilla de patacas que degustamos nada máis finalizar o concerto, que era desas de “falar con Deus”, convertiranse en visitantes fieis da zona sempre que se acheguen á nosa terra.

Alégrome polos artistas e o público que teñen pasado e pasarán por Santa Cristina nos ciclos “Sons da Terra” e outros eventos, porque son deses luxos que non se poden deixar pasar, como o estupendo concerto do Coro “Nur”, aínda que isto hai que dicilo sempre coa boca pequena, non vaia ser que quedemos sen sitio.

Te puede interesar