Opinión

Cumprindo anos

Capela de Santa Bárbara en Vilaboa.
photo_camera Capela de Santa Bárbara en Vilaboa.

Cando esteades lendo isto xa me caeu algún ano máis, e non é pouca cousa cando un está convivindo cunha espada de Damocles e probando todo canto novo ensaio clínico vai aparecendo na medicina para manter á raia a doenza. Benditos investigadores, que deberían cobrar máis que os futbolistas mellor pagados, e dispor de todos os medios para o seu marabilloso traballo que permite que aquí sigamos dando a lata.

Tamén agardo que cando o leades eu estea celebrando un montón de cousas na “Casa Rural de Vilaboa” con toda a familia e amigos. É este un establecemento que me gusta especialmente, tanto pola súa localización, xusto en fronte da casa da tía Adosinda que nos enchía de galletas de palla cando iamos visitala, cantándonos cancións de cando estivera no Brasil; como por estar en Vilaboa, construída nunha antiga fábrica de curtidos, por onde xogabamos de nenos mentres o meu pai e o meu tío dobregaban na forxa as fouces e arados incandescentes que logo se vendían nas feiras de Celanova e Maceda, e mesmo en ferreterías de Ponferrada. ¡Cantas viaxes fixen co meu pai á capital do Bierzo para levar material viaxando de madrugada!, amenceres de fortes xeadas nos perigosos codos de Larouco, onde había que meterlle a primeira a aquel estupendo Renault “4L”se non querías ir cos arados pendente abaixo. Eu, a pesar do madrugón e do mareo sentíame tremendamente feliz indo de copiloto co meu pai e chegar a Ponferrada a descargar e tomar un reconfortante café con leite e bica que quentaban o corpo e sabían a gloria.

Tamén gusto moito desta casa de turismo rural polo excelente trato de Carlos e do seu equipo, e por suposto porque as viandas son exquisitas. E, por se fora pouco, coincide a data coa celebración da Santa Bárbara, que ten unha pequena capela con fonte e adro por onde tamén xogabamos de nenos. Fomos convidados á sesión vermú, despois da misa da Santa Patroa, polo noso amigo Paco García, quen fora alcalde de Allariz e amigo da infancia, e que presume canto pode da súa Vilaboa natal.

Cando temos a sorte de ir cumprindo anos, ímonos achegando de novo a todo aquelo que marcou a nosa infancia e adolescencia. A min pásame que duns anos a esta parte gústame facer cada domingo os máis de douscentos quilómetros de ida e volta Vigo-Allariz-Vigo para atoparme cos meus amigos e coñecidos de toda a vida, e xantar coa familia.

Gusto de pasear polas beiras do Arnoia na Alameda ou na Acearrica, e gusto de visitar o Santuario de San Benito ou quedar pasmando na Barreira cara o Mosteiro das Clarisas que sempre nos marcaron as horas co son das campás. E sinto de veras que pechara o café “Catro Portiñas”, que nós sempre chamamos “O Herdeiro”, e que xa forma parte da historia da vila. Non podo esquecer a cantidade de noites de verán que alí pasabamos a golpe de guitarra e cancións; como tampouco esquezo os días de entroido nos que convertiamos o piso superior do café nun inmenso probador, coa sempre querida Maribel despregando todos os disfraces que iamos poñer para ir bailar a discoteca “El Mesón”. Todo isto e moito máis é o que lembro nestes días nos que a vida nos vai permitindo seguir cumprindo anos coa xente que queres.

Te puede interesar