Opinión

Do Alpinche a Hombres G

Confeso que o suplemento “La Revista” que vén incluído no noso periódico retrotráeme a varios momentos da miña vida que igual xa reflitín nesta páxina nalgunha ocasión, pero que hoxe quero volver lembrar.

O grupo “Hombres G” é un dos grandes protagonistas da OU-ICCW-22 que hoxe comeza con forzas renovadas despois do obrigado parón pola pandemia. E non pode comezar mellor que coa presentación do libro “Ráfagas” do director artístico Paco Martín, que xunto co Produtor Fonográfico Charlie Sánchez e o Produtor Discográfico Paco Trinidad protagonizarán unha mesa redonda no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” que leva o título “Hombres G: Do Cúmio Da Industria Discográfica a Icona Pop”. E alí estarei, despois de recibir o convite da Deputación de Ourense, para volver no meu maxín aos tempos daquel piso do Barrio da Cuña onde eu vivía, ao ladiño da Universidade Laboral onde traballaba, e onde eu escoitaba todas as mañás, antes de ir enfrontarme cas miñas amigas no ximnasio “Squash”da Rúa Galicia, aos grandes Manolo Ferreras e Fernando Poblet no programa “Tiempos Modernos” de Radio 3. Nel descubrín a moitísimos artistas e grupos que logo se converterían en obxecto de culto, como foi o caso de “Hombres G”, a quen Ferreras lle profesaba especial devoción; mesmo nun programa feito en directo desde Ourense, no que apenas estabamos cinco persoas de público, e onde puiden compartir ó final do mesmo unha charla emocionante con quen era para min o gran referente radiofónico nacional daqueles anos 80. Por iso, acudir a esta mesa redonda faime especial ilusión, non soamente polo contido, senón polos que a protagonizan.

Falar de Paco Martín é falar da historia viva do pop español das últimas décadas; pode colgar este home moitas medallas no seu haber, responsable de multitude de discos dos mellores artistas do panorama musical español, ou da fundación da sala de concertos “Rock-Ola”, por onde tiña que pasar todo aquel que quixera ser alguén neste mundillo.

De Charlie Sánchez dicir que para min xa bastaba con que fora o xérmolo de “Alphaville”, unha das formacións que máis me impactaron no seu momento, sen esquecer a “La Dama se Esconde”, de quen el tamén formou parte, antes de ocupar postos moi importantes en diferentes compañías discográficas, compaxinando este traballo co realizado ao lado de grandes solistas e grupos.

E con Paco Trinidad pásame un pouco o mesmo, soamente saber que estivo tras dalgún dos éxitos de “Esclarecidos” xa é suficiente, pero sería inxusto non subliñar o premio “Ondas” recibido como “Mellor Productor do Ano 92” pola gravación de “Piensa en Mi” da marabillosa Luz Casal.

E se de emocións vai hoxe a cousa, nin que dicir ten que a presentación en sociedade o pasado xoves do renovado “Alpinche” de Estanislao Reverter, volveu levarme de novo nunha excursión imaxinaria á miña nenez, cando este fantástico coche protagonizaba os grandes rallys, ás veces con etapa madrugadora con saída en Allariz. Tan gravada me quedou esa imaxe do “Alpinche” que anos máis tarde, cando comezaba a miña andadura televisiva, cambiei o meu flamante “Seat Ibiza Sport” de Pérez Rumbao por un “Toyota Celica” que era o máis parecido que había, a prezo razoable, a aquel coche dos meus recordos; ata que un día, por esas loucuras que un se concede ao longo da vida, saes do concesionario, sen saber como vas pagalo, ao volante dun “Porsche Boxster” chegando a facer realidade un dos soños da túa nenez.

Te puede interesar