Opinión

Do mar á Burga

Non agardei demasiado a que amainasen os ventos do primeiro temporal do outono, que agora dase por chamarlle “cicloxénese explosiva”, como se aquelas madrugadas nas que eu ía coller o “Villalón” que me levaba a estudar cada día ós Maristas de Ourense non correse o risco de sair voando entre as árbores da Barreira alaricana. Digo que non agardei demasiado para meter a bicicleta no coche e trasladarme ata Nigrán para gozar dunha desas marabillosas mañás onde Praia América está moito máis fermosa, aínda que as algas cubran medio areal, e nas que rodear a fortaleza e o parador de Baiona convértese nun auténtico agasallo para os sentidos, con múltiples paradas para ver o mar e observar a eses sabios turistas que fotografan as Cíes antes de darse unha homenaxe de marisco ó prezo razoable de setembro.

O pedaleo desde a Praia de Patos ata o Clube Náutico da vila da Arribada é un deses pequenos luxos que convén darse de cando en vez, xa que ademáis de facer deporte e embeberse da paisaxe serve para ir dándolle ós miolos preparando, por exemplo, o guión que esta noite porei enriba do escenario da Pasarela de Moda “Calpurnia” que terei a honra de presentar, un acontecemento que celebra a súa segunda edición despois do gran éxito obtido o pasado ano.

Para min será un reencontro co mundo da moda ourensán 23 anos despois, tal como reflictía o “Quencho” do noso periódico o pasado xoves, recordando aquelas desfiles celebrados na Praza Maior, dos que gardo un gratísimo recordo por ser unha estupenda antesala previa ó meu desembarco televisivo. A climatoloxía vai acompañar e será un día e unha noite divertidos e máxicos, xa que conflúe tamén o carnaval de despedida de verán que animará ainda máis as nosas rúas e os locáis de diversión; cousa sempre interesante para darlle vida a unha cidade que quere seguir presumindo ante propios e forasteiros de ser a capital da moda.

Pois de todo isto ía eu matinando mentres pedaleaba á altura do camping da Praia Ladeira en Baiona ou desde a terraza dunha cafetería do porto de Panxón onde disfrutei dun aperitivo antes de volver cara Vigo, onde tiña cita de sobremesa co showman Alberto Cunha, un artista ó que lle teño un aprecio especial polo grande que é tanto enriba do escenario como cando baixa del. Sempre coa mesma ilusión, aquela que o levou a gañar unha das edicións do “Tequelexou” que eu presentei na Galega cunha das mellores voces que se poden escoitar no noso País. Alberto volveu das Terras da Mancha onde estivo nos últimos tempos cos seus espectáculos tanto para televisión como para teatros e salas, facendo o que sempre gustou de facer, cantar os grandes clásicos de Sinatra ou Elvis, combinados con estupendas imitacións ou interpretando cancións dos seus discos. Alberto Cunha, sábeno ben os vigueses, é todo el un espectáculo e aí anda preparando unha nova obra teatral pensada para ser un monólogo musical, na que volverá contar coa axuda do seu irmán Andrés, outro excelente músico, que lle axudará tamén a enmaquetar novos temas, sen deixar de participar semanalmente con Jacobo Buceta na Cadena SER, onde se converte nun colaborador de luxo.

Te puede interesar