Opinión

O "Ego" de Cristian Silva

Seguramente ten bastante "ego" este fantástico gaiteiro, e fai ben en potencialo na súa xusta medida porque, ao final, os que te queren vancho a agradecer e para os que non te queren dá igual o que fagas porque non lle vas gustar nunca.

Pois ese "EGO" con maiúsculas é o primeiro disco en solitario deste carismático músico co que tiven o luxo de compartir escenario nalgunhas galas, onde cantei temas arranxados por el e polos seus compañeiros de "Pandeiromus", como a panxoliña "A Belén vinde pastores" ou a estupenda versión da portuguesa "Milho Verde", onde os seus whistles, acordeón e gaitas soan a gloria. Todos eses instrumentos e moitos máis están neste disco, composto e producido en case a súa totalidade por el, pero no que aparecen tamén os seus amigos Topo Vidal, Alfonso Sestelo e Rafael Iglesias, entre outros, cos que tamén tiven o pracer de contar nas miñas gravacións.

Contou asimesmo coa persoal voz do tamén carismático Davide Salvado, ese trobador divertido e transgresor que sabe sacar o mellor da máis antiga tradición galega para levala ás cotas máis altas da modernidade. Non sei se aos moi puristas lles encantará tanto este xeito de facer música e de transmitila, pero asegúrolles que somos lexión os que levamos anos apostando por estas novas maneiras de facer País e de exportar Galicia polo mundo; gústanos esta semente nova que coida ao máximo tanto as súas composicións e arranxos como a súa estética, porque entenden que o espectáculo confórmano un montón de variables que hai que combinar e coidar; e abofé que artistas como Cristian e Davide, que xa levan anos colaborando en moitos traballos e espectáculos, coidano ao máximo. De Cristian Silva soamente hai que ver como sorprende cos seus estilismos cada semana no "Vai de Gaita" de Luar, onde exerce de xurado, mesmo xogando a provocar e a non deixar a ninguén indiferente; e Davide Salvado pode sorprender a calquer auditorio vestido únicamente cuns colares ou enfundado en camisolas do liño máis puro; por algo nós volvemos contar con el este sábado para exercer de xurado na segunda semifinal do "Bamboleo Pequenos Fenómenos" e, por suposto, estará tamén na gran final da próxima semana, despois de ter acadado unha gran audiencia na primeira entrega.

Davide, o mesmo que Cristian, son frescura, sapiencia e alegría, respectando sempre o traballo dos nosos devanceiros, e facendo que a riqueza da Galicia máis ancestral chegue a todo tipo de público, sobre todo aos máis novos, que serán quenes teñan que seguir mantendo a nosa tradición e os nosos valores. Pero aos novos hai que falarlles na súa linguaxe para que nos entendan, e estes trobeiros sáben como facelo, de aí o valor engadido que teñen traballos como este "EGO" que vos recomendo encarecidamente escoitar; paga a pena porque estamos diante dun disco diferente, impactante, moderno e galego universal; eu fago moitos quilómetros na súa compaña e axúdame a levantar o pé do acelerador para escoitalo como se escoitan as boas obras, de vagar, sen présas e con atención. Un "EGO" imprescindible.

Te puede interesar