Opinión

O "Ferreiriño" en Allariz

O Roi Xordo, días antes da inauguración.
photo_camera O Roi Xordo, días antes da inauguración.
Volve o “Roi Xordo” con nova xerencia, comandado in situ pola estupenda e riseira Carmen Seara

Foi unha gran alegría a que levei esta semana vendo as fotos de “La Región” da recente reapertura do “Roi Xordo” en Allariz. Foron dous anos de peche nos que cada vez que as fins de semana subiamos a rúa do Portelo e mirabamos cara a Praza dos Mesóns sentiamos que nos faltaba algo á hora de tomar a “espuela” antes de ir xantar; e sobre todo faltáballes algo a todos os alaricanos e visitantes que acudían aos concertos ou actuacións que nese establecemento se celebraban, por onde teñen pasado os grandes cantautores, actrices, magos, monologuistas e demáis xentes do espectáculo de toda Galicia. 

Volve o “Roi Xordo” con nova xerencia, comandado in situ pola estupenda e riseira Carmen Seara, reconvertido nun “Gastro Bar”, pero mantendo a filosofía que o caracterizou desde a súa inauguración alá polo ano 1987, sendo fundador daquelas da rede “Clubcultura”, que tanto agradeceron e agradecen os artistas galegos que gracias a este tipo de locais poden manter, co permiso das pandemias, as súas actuacións ao longo do ano e non só na tempada de verán.

Aínda non lle puiden facer visita presencial pero alegroume ver nas fotos do periódico que nunha das paredes do local segue colgada a placa orixinal do que para moitos de nós fora na nosa nenez o emblemático “Bar Ferreiriño”, que daquelas quedaba pegado prácticamente a casa onde eu nacín.

Nalgunha das páxinas do libro-album que escribín falo das moitas horas que pasei no “Ferreiriño” acompañando ao meu pai cando chegaba de traballar cada tardiña, e do feliz que pode ser un neno ben pequeno sentado naquelas fermosas cadeiras de madeira e aquelas mesas de ferro e mármore dando boa conta dos cacahuetes e aceitunas que seu pai lle mercaba, mentres el apuraba un “chiquito” antes de ir cear. Porque como ben dixen no seu momento, nós eramos eses felices nenos “de rúa” que despois da escola xogabamos sen parar, e onde calquera cousa, por mínima que fose, podía converterse nun auténtico parque de atraccións, como poñerse nos día de moita chuvia cun paraugas baixo os canos desa nosa Praza, na que existía outro lugar máxico, “A Tenda do Rufino”, onde xogabamos naquel futbolín que hoxe sería unha auténtica peza de museo ou mercabamos os caramelos que nos sabían a gloria.

Por iso a reapertura do “Roi Xordo” nese lugar de tantos recordos marabillosos traenos unha gran alegría; ver pechado o “Ferreiriño” era como ter aparcada unha parte moi importante das nosas vidas. Para os que nos visitan é outro deses lugares polos que Allariz é referencia turística en toda Galicia e fora dela; para os que alí nacemos é recuperar espazos con vibracións especiais que nos devolven moitos e bonitos recordos. Seguramente se aguzamos o oído aínda escoitaremos aqueles chifres dos paragüeiros que os días un e quince de cada mes, nos días de feira na Vila, instalaban na nosa querida Praza as súas rodas de afiar coas que, como ben cantaron “Fuxan os Ventos”, arranxaban potas ou paraugas e afiaban coitelos e tesoiras.

Para rematar non podo deixar de subliñar esa nova proposta do “Roi Xordo” chamada “A Deshora” que ben a substituír o anglosaxón termo “brunch” por algo moito máis galego, como galego é ourensán é o duo que volve poñer música en directo esta mesma noite de sábado, trátase de “Blues do País”, unha formación que demostra que se pode facer magnífico blues no noso idioma e adaptado á nosa maneira de ver e sentir as cousas.

Te puede interesar