Opinión

A Galicuba de Roi Casal

Esta noite terei no “Bamboleo”, ademáis da eurovisiva Barei que nos cantará o seu “Say Yay”, ao grande Roi Casal, que chega feliz co seu novo “neno” collido no colo, o disco “Son galego, son cubano”. Non será unha visita calquera, xa que Roi sabe da miña admiración persoal e profesional polo seu traballo, pola súa valentía cando decide deixar a comodidade e o prestixio de saberse compoñente de Milladoiro, un nome que se escribe con letras de ouro e recoñecido a nivel mundial, para embarcarse nunha aventura en solitario que nos seus inicios mesmo lle quitan o sono. O tempo deulle a razón e, despois doutros exitosos traballos, aquí chega este noso moderno trobador con puro e guayabera disposto a facernos cantar e bailar cos ritmos máis galegos e máis cubanos, uns ritmos que seguramente xa soaban no maxín do querido Neira Vilas cando compoñía os poemas para Roi poucos meses antes do seu pasamento. Non me estraña nada que Roi xa fale do “Universo Neira Vilas”, porque os que tivemos a fortuna de coñecelo entendemos perfectamente ese concepto. Tiven a sorte de poder falar co gran escritor galego-cubano e mesmo poder cantarlle a canción “Quen poidera namorala”, agradecéndolle aquel detalle tan marabilloso, cando nada máis volver da Habana para quedar definitivamente nas súas terras de Gres en Vila de Cruces onde o coñecín, me fixo chegar un exemplar dedicado do seu libro “Memorias dun neno labrego”, felicitándome polo meu traballo en “Supermartes”.

Non podedes imaxinar canto agradecín aquelas palabras, nuns momentos nos que boa parte da intelectualidade galega baballoaba contra certos programas de televisión e por suposto contra os seus conductores. Tamén o fixeron contra Ana Kiro e cando morreu todo foron gabanzas para ela e para a súa defensa do galego e da muller. Hai quen nunca acaba de entender que un País faino moita xente, xente que cre e que loita cada día no seu, sexa plantando patacas, deseñando satélites, cantando,facendo rir ou pescando sardiñas.

E todo isto teno claro Roi Casal, co que sempre conversamos destes temas, e da necesaria modernidade que hai que ir aplicando ás cousas que se fan, sen perder nunca a referencia de quen somos e de onde vimos. Sempre me asina os seus discos e nesta ocasión optou por poñer un sincero “Querido Xosé Manuel, aí che vai este traballo de dous galegos normais, con moito cariño”. E é que nos gusta esa palabra, “normais”, con todo o que iso significa.

E normal é que este músico, compositor e cantante veña de dar concertos no Gran Teatro de La Habana, ou estree xira no impresionante Teatro Circo de Braga para continuar polo resto de Europa e América, onde o volverán recibir cos brazos abertos, sexa en Montevideo, Bós Aires ou Pinar del Río; normal é que lle conce- dan premios como o Internacional Cubadisco ou que conte con colaboracións de luxo como a de Pablo Milanés, Nando Casal ou a incrible Laritza Bacallao; e normal é que Roi Casal siga a senda marcada polos estupendos arpistas Emilio Cao, Rodrigo Romaní ou o bretón Allan Stivel, dándolle vida a unhas letras compostas por un neno moderno de 87 anos que inspirou as mellores melodías para facer desta conxunción Roi Casal-Neira Vilas un canto marabilloso de unión entre os pobos galego e cubano. 

Te puede interesar