Opinión

A gran festa pre-eurovisiva

Queda unha semana para que Madrid se convirta un ano máis nunha das grandes citas  previas ao Festival de Eurovisión a celebrar en Liverpool no mes de maio. É a gran festa dos eurofáns que xa vai pola súa sétima edición, conseguindo superarse ano tras ano co traballo infatigable dos amigos de Eurovisión-Spain.com, o portal eurovisivo por excelencia en España e seguido por moitos eurofáns europeos e mesmo hispanoamericanos. Aí está o galego Vicente Rico, xunto con outros moitos entusiastas dandoo todo para que este acontecemento musical sexa xa un referente imprescindible como noutrora foron e son Amsterdam, Londres ou Estocolmo, a onde acoden prácticamente todos os intépretes a promocionar as súas cancións e darse a coñecer ao gran público. Veñen desde os menos coñecidos ata as grandes figuras da canción como é o caso da gran Loreen, a sueca que conquistou Europa coa súa “Euphoria”, e que este ano está disposta a repetir triunfo con “Tattoo”.

Tiven a oportunide de acudir a algunha destas festas eurovisivas acreditado por estes meus amigos galegos, e asegúrolles que o ambiente inclusivo que se vive é dificilmente igualable por ningún outro acontecemento desa índole, e sempre sen un mínimo incidente; tanto cando se celebraban os concertos do venres na lexendaria Sala de Festas “Joy Eslava”, aquela desde onde TVE nos ofrecía o programa “Aplauso”, dirixido polo mítico José Luis Uribarri que tantas edicións de Eurovisión retransmitíu na súa carreira profesional, como cando xa se concentrou todo na Sala “La Riviera”, que será quen acolla aos miles de entusiastas a próxima fin de semana.

Alí estará como madriña e mestra de cirimonias a querida Soraya, que irá dando paso e conversando con moitos dos artistas que pasaron polo “Benidorm Fest”, que xa se está consolidando como o concurso de referencia onde moitísimos artistas, noveles ou consagrados, queren estar, por ser o gran escaparate musical que chega a públicos multitudinarios e dispares. Senón que llo digan á barcelonesa Vicco que coa súa “Nochentera” xa está facendo bailar a medio País. E mesmo servir de lanzadeira para introducirse no mundo da publicidade como é o caso das xemelgas Paula e Aitana Etxebarría, coñecidas como “Twin Melody” protagonizando anuncios que atravesan fronteiras.

Por se houbera algunha dúbida da repercusión do “Benidorm Fest” soamente lle temos que preguntar ás “Tanxugueiras” que punto de España lles queda por percorrer. Levan un ano e pico de auténtica loucura, cantándolle en galego a todos aqueles que queren un mundo “Sen Fronteiras”. 

O certo é que acontecementos como éste e as edicións da PrePartyEs conseguen que efectivamente a música europea teña menos fronteiras e se escoiten moitos dos temas na súa versión orixinal, cousa que para os eurofáns máis acérrimos non lles supón ningunha dificultade, xa que nun plis plas fan un curso acelerado de serbio ou romanés. Xúrolles que nalgunha desas edicións ás que teño asistido vin como ducias de incondicionais coreaban todas as cancións por moi complicado ou descoñecido que fora o idioma. 

Alégrame moito ver que no cartel da PrePartyEs deste ano tampouco se esquecen desas grandes figuras que tanto nos emocionaron no seu día, como fixo a entrañable Karina co seu “En un Mundo Nuevo” co que a piques estivo de gañar. Será unha das máis aplaudidas xunto co representante finlandés Käärijä que moitos ben como o gran favorito para gañar Eurovisión co seu “Cha Cha Cha”.

Te puede interesar