Opinión

Grandes bailaríns e grandes artistas

Con Abraham Mateo en Bamboleo.
photo_camera Con Abraham Mateo en Bamboleo.

Non poderei esquecer as bágoas dunha das máis importantes bailarinas que teñen pasado por “Bamboleo”. Era a emoción de poder exhibirse diante do público despois de dous anos sen poder facelo pola pandemia. Ben é certo que vin moitas outras bágoas por diante e por detrás das cámaras doutros moitos artistas que non daban contido a emoción ao poder volver actuar. Pero hoxe vou centrarme neses grandes bailaríns que abren o noso programa e que chegan desde moitos lugares da Península e mesmo de Italia, cuna de campións e mestres do chamado “Baile Deportivo”. Un País ao que acoden con moita asiduidade tamén os galegos que cada ano nos dan máis satisfaccións ao facer podio en Campionatos de Europa e mesmo do Mundo. A algúns deles vímolos nacer naquel estupendo “Tequelexou” que tiven o pracer de presentar no seu día na TVG, recordando agora a algúns daqueles nenos que logo se converterían en auténticos campións, como foi o caso entre outros dos sempre magníficos Patricia Martínez e Adrián Esperón, ela aínda en activo á hora de competir, e Adrián máis dedicado á súa faceta de empresario e profesor na súa Escola “PonteBaile”, e xuiz en competicións nacionais e internacionais, aínda que lle guste vir ao programa coa súa actual parella para deleitarnos con algunha nova exhibición. 

Non son poucas as parellas de baile que naceron prácticamente en “Bamboleo” e que anos despois volven xa feitos uns auténticos profesionais presumindo de estar entre os mellores de Galicia e da Península; e nomeo moito o da Península porque os amigos portugueses teñen o noso como un programa de referencia, e acoden cada tempada a visitarnos e mostrarnos o moito e bo que nesta disciplina deportiva tamén se fai en Portugal. 

Ben é certo que moitos destas marabillosas parellas aproveitan que no noso programa non teñen que cinguirse a ningunha das normas tan estrictas das competición oficiais, e ofrécennos auténticas loucuras, mestura de baile e de malabarismo, que nos poñen os pelos de punta cada vez que a bailarina voa polos aires e descende cabeza abaixo, covertendo as bachatas en auténticos exercícios circenses. Porque últimamente son as bachatas as que levan as de gañar e son das máis aplaudidas polo público que acode ao plató e pode sentir máis de preto a emoción destes bailes.

É tamén moito motivo de satisfacción ver como algúns destes bailaríns son aqueles nenos que nos inicios do “Bamboleo” viñeron bailar cos seus avós e avoas, facendo que os seus maiores sentisen un orgullo indescriptible, e que aos seus pais se lles caera a baba desde a grada. Eu confeso que foron moitas as ocasións nas que tiven que conter a emoción ao ver a toda a familia xunta, uns bailando e outros aplaudindo e chorando. Son esas pequenas cousas da vida que nos reconcilian con nós mesmos e nos dan algunha alegría no medio de tanta desazón que nos rodea; como tamén nola dan todos eses rapaces e rapazas de diferentes clubes deportivos que veñen concursar á “Jrileira”, cantando sen sentido do ridículo ningún e pasándoo e facéndonolo pasar fenomenal. Hoxe de novo gozaremos con todos eles, e con artistas tan estupendos como Abraham Mateo, o cantante galego Antonio Luz, a Orquestra Canaria “Furia Joven”, o “Furacán de Arca” Isi, e a nosa campionísima bailarina Patricia Martínez acompañada do campión italiano Jacoppo. Para non perder o programa.

Te puede interesar