Opinión

Gustavo Almedia e Nastasia Zürcher, no "bamboleo"

Escoitar un disco ou un concerto por separado de calquera destes dous artistas xa é todo un luxo, pero se temos a oportunidade de escoitalos e velos cantar conxuntamente xa falamos de palabras maiores. E iso ocurrirá no “Bamboleo” desta noite onde nos ofrecerán a canción “Conexión”, incluída no libro-disco “Vértice” de Gustavo Almeida, no que o artista galego-brasileiro, residente en Pontevedra, quixo presentarnos todo o seu traballo íntegro en galego por primeira vez, no que conta no apartado literario con dúas historias que se entrelazan, o seu paso do fútbol á música e o proceso de produción do mesmo. Un libro-disco que é todo un agasallo para os amantes da poesía e da música que namora, con prólogo das escritoras Baia Fernández e Fina Casalderrey, e con algo que tamén é de agradecer para os que collen a súa guitarra para recrear as súas cancións, xa que no libreto veñen todos os cifrados das cancións incluídas nel. E se luxo é este dueto coa artista galega-suiza, tamén o é o resto dos duetos cos que Gustavo quixo agasallarnos con esta nova edición de “Vértice”, acompañándose de artistas da talla de Teo Cardalda, de Cómplices, Silvia Penide, Sheila Patricia, Manoele de Felisa e Brais Morán.

Cóntame Gustavo que tiña unha débeda con esta terra de acollida, a onde chegara un día, desde o Vasco de Gama de Brasil, para enrolarse no filial do Celta de Vigo, pero como a moitos outros artistas ben famosos as lesións e diferentes avatares da vida levárono a colgar as botas e dedicarse á súa outra gran paixón, a música, esa que xa mamara da súa nai, Ellen de Lima, unha consagrada cantante brasileña. Perdemos un futbolista pero gañamos un gran artista, que fuxe dos clixés típicos e tópicos da música brasileña para fusionar o pop máis sofisticado e o funk coa música de autor dun lado e doutro do charco. Un dos seus productores de cabeceira, o gran Nacho Mañó, membro fundador de “Presuntos Implicados”, gañador dun Grammy Latino e productor, entre moitos outros, de Alejandro Sanz, define certeiramente a Almeida como “un artesán das cancións e un gran comunicador de emocións”.

Se a isto lle unimos este dueto coa marabillosa Nastasia Zürcher o resultado non pode ser outro que fantástico. Esta gran artista ven de presentarnos o seu novo traballo titulado “But life is beauty full”, continuando a florecer na súa carreira profesional con este terceiro disco, “asentando a súa colorida, persoal, creativa e inigualable pegada artística”, sempre con esa riqueza de culturas e idiomas, como o galego, castelán francés e inglés, e ofrecendo eses marabillosos concertos onde o neo-soul, o afro-pop-folk, o R&B contemporáneo, así como as sonoridades étnicas das músicas do mundo, fan de Nastasia unha artista cun dos proxectos máis interesantes do panorama musical galego. Unha cantante xa galardoada nos Premios “Martín Códax” da música galega e no Festival Internacional da canción “LIET”, celebrado en Holanda.

A calquera destes dous grandes artistas non basta con escoitarlle os seus discos, que son fantásticos, hai que saborealos en directo onde as emocións están a flor de pel, facéndonos compartir todo o moito e bo que queren comunicarnos. Hoxe poderemos gozar dun pouquiño desas emocións escoitando e vendo esa “Conexión” que gravaron en dueto Gustavo Almedia e Nastasia Zürcher. Todo un pracer.

Te puede interesar