Opinión

Hai días

Hai días que te pós diante do ordenador para escribir algo con xeito na liña distendida na que o Periódico desexa que escribas, e non hai maneira; pós unha ducia de títulos diferentes e ao final sempre rematas falando da negra sombra que últimamente parece engulilo todo. Dá a impresión de que se non falas de Cataluña ou dos incendios non hai nada máis do que falar, porque calquera outro tema é unha parvada “con todo o que está caendo”. E claro que podería falar de Cataluña, e dos incendios, e dos que o incendian todo, faltaría máis, pero non lle vou dar ese gusto aos “tituleiros” de twitter, ese lugar onde podes ler cousas estupendas, pero onde tamén atopas reflectidos os máis baixos instintos da condición humana. Ultimamente vivimos a golpe de titulares, e os que gustamos de ler detidamente o que opinan xornalistas de prestixio en artigos que zumegan filosofía e unha boa dose de pedagoxía rebelámonos contra todo ese lixo nauseabundo que nos invade. Parece que volveran ser tempos de cazas de bruxas, coa liberdade de expresión prostituída mesmo polos novos sabios que pretenden sentar cátedra do que se pode e o que non se pode dicir, conseguindo que ás veces por autoobrigarnos a ser tan políticamente correctos mesmo rocemos o ridículo; estase perdendo ese sentido do humor que tanto nos caracterizaba, esa retranca tan nosa que fai que podamos seguir respirando entre tanta tristura e desazón. Había tempo que non se tiñan que medir tanto as palabras como agora, tanto cando se escribe como cando se está diante dun micrófono ou dunha cámara; e dame a impresión de que esto non pode ser bo. Se os que pelexamos todo o que puidemos ou soubemos para acadar cotas de liberdade, de tolerancia ou de igualdade, temos medo a que nos xuzgue unha nova “santa inquisición” imos aviados, algo debe de estar fallando. 

Somos moitos os que queremos seguir comprometéndonos coas causas xustas e solidarias dentro das nosas posibilidades, comprometidos coas minorías ultraxadas ao longo da historia, coa causa da violencia machista, homofóbica ou racial,  coa causa dos nenos maltratados ou a dos animais torturados, coa do respecto á natureza, ou cen mil outras causas que poderiamos poñer aquí. Seguramente non sempre fixemos todo o que poderiamos, pero seguramente fixemos e facemos o que mellor sabemos, e moitas veces de xeito calado; porque para visitar unha pranta de nenos oncolóxicos non hai que levar as cámaras detrás, como non as leva o médico que atravesa medio mundo para operar aos “parias” da terra. E nese traballo silencioso e impagable hai milleiros de persoas comprometidas, esas que case nunca saen nos xornais nin nas noticias, porque hai tanto ruído ao arredor que é imposible escoitarlle ou verlle o seu falar e o seu facer sosegado e eficiente. Hai demasiado ruído, demasiada negrura, e non soamente da cinza dos incendios criminais, e hai demasiadas guillotinas preparadas para cortar cabezas; hai un ruido que o embarulla todo e que lle impide a maioría da xente razoar coherentemente. 

Non digo que non haxa que berrar en máis dunha ocasión, moitos fíxemolo e seguirémolo facendo cando nos pareza que paga a pena facelo e que a causa o merece, pero nunca defenderemos o berro cobarde e cainita de quen o fai agochado anónimamente nas redes sociais, nin o dos que pensan que o mundo é mundo soamente desde que eles chegaron ao mesmo para redimilo.

Te puede interesar