Opinión

¡¡Hala Celta!!

O xogador celtista Santi Mina.
photo_camera O xogador celtista Santi Mina.

Non, non vou escribir ningún artigo sobre fútbol, que para iso están quenes teñen o nombre oficio de xornalistas deportivos. Pero sí que me apetecía hoxe mandarlle un sopro de boas vibracións ao noso “Celtiña”, que non comezou demasiado ben esta liga chea de ilusións. Ben é certo que tampouco foi un camiño de rosas o comezo do curso futbolístico, mesmo tendo por diante a oito días vista nada menos que a todo un Real Madrid.

Non me confeso eu un gran seguidor das ligas, ducias de ligas, que xa non sei moitas veces que carallo se están xogando, porque con iso de sacarlle cartos ás televisións e os espectadores, da a impresión de que temos que ir pensando en facer un almanaque de seguimento para estar ao día de tanto encontro, que como sigan así non chegarán os días da semana para tanta retransmisión.

Pero digamos que eu era un daqueles nenos que cada mes de setembro mercaba o album no que ir pegando aqueles valiosos cromos cos que mercadeabas cos teus amigos, “cambioche a Amancio por Iríbar, que o teño repe”. Eu daquelas era seareiro acérrimo do Atlétic de Bilbao, e dalgún xeito aínda o sigo sendo, por máis que o outro día me cabreara moito por vir gañarnos a Balaídos. E non soamente de neno, xa de adolescente estudando en Eibar tiven a oportunidade de ir ver como adestraban os “cachorros” en Lezama e como xogaban os “leóns” no vello San Mamés. Aí sentíame, ao lado dos meus amigos vascos, como un bilbaíno máis, antes, mentres, e despois do partido, onde o “chiquiteo” era tan sagrado como o propio fútbol.

Pero volvendo ao noso, e sendo de Ourense, e ¡por fín! empadroado en Vigo oficialmente, despois de telo solicitado e concedido hai vinte anos, sen que se me enfanden os meus veciños de Allariz, que eu son máis da Ziralla que a herba que medra na Acearrica, o lóxico é que sexa do Celta á morte, e que o siga por televisión sempre que os nervios me deixan, porque cando na primeira media hora vexo que a cousa non clarea, desconecto e paso de acelerar o meu ritmo cardíaco, enterándome do resultado aos poucos mirando o móbil. A Balaídos fun nalgunha ocasión, e mesmo ao palco de autoridades, cando os meus amigos da Garda Civil e por suposto os responsables do clube me convidaron. Ese día gañamos, pero frío, o que se dí frío, papei ata os osiños; menos mal que no descanso nos agasallaron entre outras viandas cun caldiño quente que resucitaba ata aos mortos.

E isto é o que ten que facer o noso Celta, resucitar inmediatamente, e facer outra xesta como no seu día fixeron os Borja Oubiña no Bernabeu, nun partido que presenciei en directo e no que gracias a uns descoñecidos amigos de Redondela non levei unhas labazadas cando un imberbe madridista, vendo con impotencia como o seu equipo perdía na casa, berrou “gallegos muertos de hambre”. ¡Ata aí podiamos chegar!, revolvinme e levanteime do asento coma un raio, e eu que son un enclenque de toda a vida, saquei todo o carácter de “ferreiro” e puxen ao atolondrado no seu lugar; iso si, repito, protexido espontaneamente por un grupo de “cachimáns” de Redondela que cal fieis escudeiros puxéronse á miña beira, achantando ao merenguito bocazas.

Pois o dito, por moito que berren os madridistas no Bernabeu, desde Vigo e media Galicia han chegar os berros dos que non están no palco, que aí hai que manter a compostura, senón dos que deixan a gorxa cada xornada de competición para que o noso equipo nos dea boas alegrías. ¡Hala Celta!

Te puede interesar