Opinión

Haters

Agoney no Benidorm Fest.
photo_camera Agoney no Benidorm Fest.

Foron moitos os coñecidos que se desprazaron desde Galicia ata terras alacantinas para vivir e gozar a semana do “Benidorm Fest”, e foron algúns, os de maiores contactos, os que conseguiron manter unha maior relación cos participantes do concurso. Quedei de pedra cando me contaron que non poucos deles estaban absolutamente exasperados, e mesmo chorando polos currunchos, por todos os comentarios provenientes dos máis baixos instintos, de todos eses chamados “haters” que, amparados no anonimato, non deixan monicreque con cabeza. E claro, saber xestionar o insulto gratuito ou mesmo as ameazas non é nada fácil para xente que de repente ven como a súa vida pasa de ser máis ou menos coñecida entre o seu pequeno grupo de seareiros a estar en boca de opinadores de toda clase que confunden a defensa dos seus gustos persoais con o ataque despiadado ao contrincante. Moitos deles son xente moi nova aos que con un “coscorrón” ben dado a tempo solucionábase o problema, pero logo están os odiadores profesionais, aos que imaxino que a vida non lles sorríu demasiado, e cuxo obxectivo é facer canto máis dano mellor.

E non quero, Deus me libre, poñer únicamente o dedo na chaga dos chamados “eurofáns”, aínda que moitos deles tamén deberán facer un “mea culpa”, porque a guerra do ano pasado entre “chanelistas”, “tanxugueiros”, “rigobertos” e “raydinistas” foi das que fixeron historia. Ben é certo que a organización do festival contribuíu decisivamente para que o tufo a tongo se encargase de cargar as escopetas dos máis belixerantes. E falo en terceira persoa porque eu, que sigo o festival de Eurovisión desde que Massiel nos deu aos nenos da época a maior alegría do mundo, decidín que non  quero pertencer a ningún grupo que admita como integrantes a xentes que non saber estar, e sobre todo que non saben perder. Eu, como moito, considérome un gran seguidor da vella garda que segue gozando cada vez que escoita esa sintonía marabillosa que cada primavera nos leva de viaxe musical por toda Europa. E nos tempos que corren, decidín que non quero ler ningún comentario nin opinión que non veña firmado por alguén. E como eu firmo todo o escribo, direi que este ano, sen volverme tola ningunha proposta, non me parece mal a canción e a intérprete que saíu elexida, Blanca Paloma co seu “Eaea”, aínda que xa postos prefería o espectáculo que montou o amigo Agoney, cunha canción realmente complicada pero cunha posta en escea moi impactante. 

Non quero nin saber o que terían que ler calquera dos dous nas súas redes sociais, esas ás que habería que chamarlles “redes de cloacas”, por onde circulan todas esas ratas de canellón que viven neses submundos de alcobas con cheiro a podredume desde onde disparan todos os seus dardos envelenados. Eu alégrome de ter vivido durante estes trinta anos de televisión sen ter que aturar todo o que teñen que sufrir os artistas máis novos de hoxe en día, que precisan desas ditosas redes para darse a coñecer. A nós como moito soamente nos incomodaba unha “Carta ao Director” ou un “Artigo de Opinión” nun xornal serio onde os profesionais firmaban o que afirmaban, aínda que criticaran algún aspecto do noso traballo. Daquelas non había “Facebook” nin nada que se lle parecera, e evidentemente cando apareceu tal cousa eu dinme por non enterado e nunca na vida se me ocorreu facer un. A estas alturas da liga, e coa que está caendo, tonterías as xustas.

Te puede interesar