Opinión

Hispavisión

María Ostiz, a gañadora da OTI.
photo_camera María Ostiz, a gañadora da OTI.

O pasado 16 de febreiro saltou a sorpresa no Foro Iberoamericano, cando o director xeral de RTVE anunciaba que xa estaba en marcha a creación de “Hispavisión”, festival da canción no que se implicará decididamente o ente público coa colaboración da “Asociación de Televisiones Educativas y Culturales Iberoamericanas”, no que participarán os países de fala hispana e portuguesa. E mesmo xa se fixo pública a súa primeira que será o próximo ano na cidade colombiana de Cartagena de Indias.

Aos que somos seguidores destes concursos, inmediatamente nos veu á mente o entrañable Festival OTI, que pretendeu ser algo parecido a Eurovisión, versión hispano-lusa. Que se conseguira, iso xa é outro cantar; Eurovisión era moito Eurovisión, e a pesar de ter pasado algúns tempos de declive, renaceu cal Ave Fénix e convertiuse no gran referente audiovisual a nivel mundial que é hoxe en día. Xa soamente os que non saben de que vai a cousa seguen a falar do Eurofestival como unha cousa do pasado, onde se reunía a familia para ver gañar a Massiel coma se fora un episodio de “Cuéntame”.

Eurovisión, con todos os seus defectos e virtudes, é agora mesmo a cita pola que moitísimos artistas queren pasar, sabendo como saben que pode ser a súa gran lanzadeira profesional como no seu día o foi para moitísimas figuras da canción que triunfaron e triunfan en todo o mundo.

Algo parecido ocorría cos vencedores da OTI, e senón que lle pregunten a Francisco o que significou para a súa carreira gañalo coa canción “Latino”, e converterse en todo un fenómeno musical en España e Latinoamérica. Ou a xa esquecida María Ostiz, que colocou o seu “Canta Cigarra” no máis alto das listas de éxito.

Chámolle eu “entrañable” a este festival OTI porque, con todo o cariño do mundo, hai que recordar como se realizaba e retransmitía, sobre todo cando o facían desde o outro lado do Atlántico. España e México, seguramente por posuír unha tecnoloxía máis avanzada, organizaron o festival en moitas ocasións, coa diferencia de que se era en España o festival tiña unha duración máis ou menos razoable e se era ao outro lado do Atlántico a cousa xa era ben diferente; tiñamos tempo de cear e almorzar ata ver quen gañaba, porque entre os saúdos iniciais a presidentes, ministros, misses, protagonistas de telenovelas e demais xentes da farándula, e o sistema de votación, que en moitos casos non funcionaba nunca, tendo que botar man do xurado de sala, aquelo era o conto de nunca acabar; sen esquecernos das “arengas” políticas que no momento da votación telefónica algún país, tipo Nicaragua, aproveitaban para facer propaganda da súa incipiente revolución sandinista, que miren vostedes no que rematou actualmente.

O Festival OTI valía para iso e para moito máis, moitas veces era soporífero ata límites insospeitados, pero pagaba a penar escoitarlle ao presentador Raúl Velasco aquilo de: “Desde Acapulco, México, bienvenidos al Festival Iberoamericano de la Canción”, cunhas imaxes publicitarias das praias e dos “clavadistas” da Quebrada que daban moita envexa. Por iso, e por unha película de Raphael, na miña primeira visita ao País Azteca tiven a necesidade imperiosa de ir mollar os pés a ese marabilloso Pacífico de Acapulco.

Pois sexa en Cartagena de Indias ou en Cuernavaca, será un pracer reencontrarnos de novo neste “Hispavisión” coa música e coa cultura Iberoamericanas que nos unen, que boa falta nos fai.

Te puede interesar