Opinión

Histeria preeurovisica

Pois sí, xa comeza a tempada de nervios para todos os eurofáns, que non facemos outra cousa que responder aos mesmos instintos que os futboleiros manifestan meses antes da Eurocopa. Nun caso trátase dun montón de rapaces correndo en panos menores detrás dunha pelota e no outro dun tamén bó número de participantes lucindo as súas mellores galas enriba dun escenario. Nos dous acontecementos con millóns de telespectadores incondicionais.

Nesta edición de 2016 será Estocolmo quen acolla o Eurovision Song Contest, que lonxe de ser un acontecemento casposo, como algúns “modernos” trataron de estigmatizalo no noso País ao longo da historia, converteuse nese encontro musical de ultimísima tecnoloxía no que a maioría dos artistas desexan competir; como é o caso dos seis aspirantes a representarnos elexidos de xeito interno por TVE. Eles confesan ser seguidores do festival e saben que Eurovisión é o gran escaparate que os pode lanzar ao estrelato europeo, como recentemente lle aconteceu a Loreen e a Máns Zelmerlöw, gañadores con “Euphoria” e “Heroes” respectivamente, ou á gran Conchita Wurst que se meteu a público e xurados europeos no peto gañando o festival para Austria co seu “Rise Like a Phoenix” e a súa impactante posta en escena.

Este pasado mércores asistín puntual á cita coa páxina web de TVE para escoitar por primeira vez os temas que competirán para representarnos en Suecia, farano o día 1 de febreiro nunha gala conducida pola sempre estupenda Anne Igartiburu, profesional á que admiro desde que soubo sair airosa, ¡e de que maneira! cando John Cobra montou o seu show xenital en directo na preselección do 2010; en situacións así é onde brilan os grandes comunicadores.

Escoitei varias veces as cancións propostas e a pesar das miñas simpatías e apoio a Salva Beltrán, por ter estado connosco varias veces no “Bamboleo” e ser un excelente intérprete, creo que as mellores papeletas tenas Barei que defende a canción “Say Say”, moi na liña do que se leva actualmente. O tema está cantado íntegramente en inglés, ao seu dicir por ser unha proposta universal, cousa que traerá máis dunha polémica nun país como o noso que ten catro idiomas oficiais e un bó número de dialectos. Os eurofáns máis novos dinme sempre que do que se trata é de gañar, sexa no idioma que sexa, outros opinamos que Eurovisión debería obrigar aos países a que cantasen nalgunha das linguas propias, sería bastante máis lóxico e enriquecedor. Case todo en inglés tamén cantarán Electric Nana e Xuso Jones, e o máis latino quedará para Maverick, Salva Beltrán ou aquela nena doutrora que triunfara en “Eurojunior” con “Antes muerta que sencilla”, a famosa María Isabel, iso sí, cuns cantos aniños máis.

Hai temas para todos os gustos e aínda non sei o peso que terá o público e os xurados nesta preselección, pero agardo que entre todos acertemos co tema e o intérprete e a ver se algún día volvemos escoitar moitas veces aquelo de “Spain twelve points”, aínda que non chegarán de Portugal, porque desgraciadamente este ano o país irmâo non acode ao Festival.

Te puede interesar