Opinión

A impactante Gloria Trevi

Con Gloria Trevi.
photo_camera Con Gloria Trevi.

Non vín cousa igual como a irrupción da mexicana universal Gloria Trevi nun plató de televisión; todos os que vos enganchastes ao “Bamboleo” a semana pasada puidestes comprobar a forza desta artista, que chegou ao noso programa como se estivera actuando no máis grande dos escenarios que teña pisado, desde o Auditorio Nacional de México D.F. ata o Greek Theatre de Los Angeles ou en calquera dos platós da potente canle “Televisa”, onde ten actuado en repetidas ocasións, como en repetidas ocasións participou no “Un Dos Tres” de TVE, deixando claro xa daquelas o seu poderío diante da cámara e facendo que o público do programa se revolucionase totalmente.

Este ímpeto puidemos vivilo “in situ” xa desde os primeiros ensaios, onde sen perder nunca o sorriso puxo todo a funcionar ao seu xeito, facendo que os bailaríns do programa realizaran a coreografía que ela quería exactamente, e así foi porque teño que dicir que o equipo de “backline”, músicos, figuración e baile de “Bamboleo” e “Luar” son do mellor que un se pode atopar entre todas as televisións nacionais e autonómicas. A posta en escea da canción “Ábranse Perras” é como para ir á paxina web da CRTVG e botarlle unha nova visualización, porque foi realmente impresionante, ao igual que as outras dúas cancións que a artista mexicana interpretou no programa.

Esta é a grandeza das artistas que son xustamente iso, grandes, que non lles importa que esteamos cos nosos móbiles gravándolle os ensaios, sen maquillaxe, sen o vestiario de “Versace” que logo luciría, sen taconazo ou florituras varias; teño que dicir, por certo, que esta muller é dunha beleza realmente impresionante e dunha simpatía que camela a todo o equipo á primeira de cambio. Tamén é certo que eu recibina nada máis baixar do coche ao berro de “Aquí chega a raíña de México e de todo Latinoamérica”, como acreditan a infinidade de premios e nominacións que ten recibido, entre outros, nos “Latin American Music Awards”, os “Billwoard Latino”, os “Premios Casandra” ou todos os premios posibles que outorga o prestixioso Festival de Viña del Mar. Desde aquel famoso “Pelo Suelto” que a deu a coñecer no noso País ata este “Diosa de la Noche” co que está volvendo a poñer en pé e a bailar aos mellores auditorios do mundo, Gloria Trevi non fixo máis que colleitar éxitos, co parón profesional e persoal motivado polo seu encarceramento en Brasil por algo do que despois foi declarada inocente.

Non teño dúbida de que a serie biográfica que se está rodando sobre a súa vida vai ser todo un éxito, porque tratará de todo o que sucedeu para que se convertera nunha das celebridades mexicanas máis controvertidas; reflictindo tamén eses momentos difíciles de cando se veu envolta no caso “Clan Trevi-Andrade” que deu cos seus ósos no cárcere máis de catro anos, feito que marcou un antes e un despois na súa vida; unha vida na que conseguíu vender máis de 35 millóns de discos e que a segue convertendo na artista máis taquilleira do seu país, aínda que esta mesma semana a facenda mexicana lanzase unha investigación á cantante e ao seu marido por presunto fraude fiscal, ao que a artista respondeu inmediatamente cun video en “Tik Tok” negando tales acusacións e definíndose a sí mesma como “unha fonte de traballo”

Pero á marxe destas cousas da vida nas que non imos entrar, o que vivimos hai sete días en “Bamboleo” con Gloria Trevi foi deses momentos televisivos difíciles de esquecer.

Te puede interesar