Opinión

Javier Gómez Noya

A  estas alturas xa se terá dito todo do noso campionísimo Javier Gómez Noya. Vaia por diante que nunca coincidimos persoalmente, aínda que nos teñamos cruzado no camiño, el correndo polas aforas de Pontevedra e eu collendo un constipado de moito nabizo por andar en bici mal arroupado ás beiras do Lérez. Dos esforzos dos triatletas algo sabía polo tamén noso campión Iván Raña, con quen sí coincidín en varios platós e mesmo nun inesquencible acto no Hostal dos Reis Católicos cando “El Correo Gallego” nos distinguíu cos Premios “Galegos do Mes” do 2000; él en Deporte e eu en Comunicación.

A min o do trialtlón sempre me pareceu un deporte soamente apto para seres de outra galaxia, e no caso de Gómez Noya para aqueles que cren tanto en sí mesmos, no seu esforzo e nas súas posibilidades que son quen ata de rebater os máis sesudos estudos médicos. Levei un  alegrón cando me enterei do Premio “Princesa de Asturias”, sentín que se estaba facendo xustiza e, como galego, sentín un profundo orgullo vendo como un deportista da súa categoría posaba inmediatamente coa bandeira do seu País. Javi Gómez Noya é tan galego que aínda conserva os coloretes da adolescencia, e é tan galego que presume delo en canto ten a oportunidade. Teño que confesarlles un segredo, o pasado 28 de maio eu estaba en Lisboa, e non saben a alegría que levei na capital portuguesa vendo como o noso triatleta se proclamaba alí por cuarta vez Campión de Europa, tanto que brindamos varias veces na cea cun excelente viño alentejano pola súa victoria; porque era a victoria da constancia, da paixón, da loita, do traballo de formiguiña de moitos anos, e da discreción.

Deu igual se nos telediarios a nivel estatal soamente lle dedicaban un par de minutos ou ningún, porque o fútbol absorbía todo, mesmo o seso e, se me apuran, ata o sexo. Aínda vín esta semana unha pancarta dunha afeccionada que puña “Messi, mi marido mira más para ti que para mi”; pode ser que a señora soamente “molle” cando gaña o Barça, ou tamén pode ser que o marido da señora en cuestión teña un problema de identidade sexual; pero ese xa é outro conto. O certo é que todos estes esforzados deportistas teñen que ter algún aliciente extra que os motive, porque boa parte do xornalismo deportivo debería facer un “mea culpa” por tanto tempo de esquecemento para con eles. Outro Javier, o madrileño Fernández, tamén sabe de olvidos mentres fai cuádruples ou triplos axel cos seus patíns sobre xeo; coas medallas que o acreditan como Campión de Europa en catro ocasións e dúas como Campión do Mundo segue a ser un descoñecido para o gran público, e apenas se lle comezou agora a facer algo de caso nas grandes cadeas televisivas.

En Canadá, Rusia ou Xapón sería todo un deus. Menos mal que para eles e elas sempre está a estupenda xornalista Paloma del Río, que coa súa entrañable voz e o seu bo saber e facer  retransmítenos eses outros deportes que moitos de nós seguimos, por algo o ano pasado se lle concedeu a esta muller a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo. Hai vida máis alá do fútbol. Felicidades Paloma, felicidades Javieres, e moitas gracias.

Te puede interesar