Opinión

Jorge de Álvarez con Tanxugueiras

Que gran acerto esta conxunción de moda e música da man do deseñador de Viana, Jorge de Álvarez, e as Tanxugueiras. Se o fenómeno das pandereteiras xa trascendeu o musical para converterse nun fenómeno social “sen fronteiras” como poucas veces sucede de xeito tan rápido, o nome do creador ourensán deu así mesmo un triplo salto “Ana Peleteiro” para ser solicitado por xentes do espectáculo e da moda que viron nel o que moitos de nós xa tiñamos visto hai bastante tempo.

E isto quedou reflictido na posta en escea do “Benidorm Fest”, onde esa conxunción de artes encheu de maxia e beleza o escenario do certame. Non puido ser máis acertado o estilismo de Jorge de Álvarez, as xoias de Bulideira, que mesmo lucía o percusionista Iago Pico, e os apliques dourados de Miguel Bling que tanto destellaban entre o negro imperante. Cunha magnífica coreografía de Fran Sieira e Artur Puga e unha escenografía totalmente acertadas, con pequenos retoques que a bo seguro serán feitos na final de hoxe, e cunhas Tanxugueiras que, tal como me prometeran hai un mes no meu “Bamboleo” da Radio Galega, foron “máis Tanxugueiras que nunca”. 

Aída Tarrío e as irmáns Sabela e Olaia Maneiro estiveron soberbias, coas súas voces en rigoroso directo, recuperadas totalmente do recente paso pola covid, e sen eses malditos coros pregravados que están desvirtuando Eurovisión, con actuacións nas que os/as artistas se limitan a facer excelentes coreografías sen apenas mover a boca, tal como ocorreu este mércores con algunha moi votada. En ningún caso lle quitarei valor ás actuacións que se viron nas dúas semifinais, hai propostas interesantes e competitivas, pero o que si direi é que o sistema de votación e comunicación de puntos non é o correcto. 

Que cinco xurados, dous estranxeiros, teñan tanto peso como o voto popular non ten razón de ser, que esas cinco persoas estiveran a piques de deixar fóra da final á mellor proposta que se viu esta semana é de tal gravidade que os organizadores do certame terán que darlle unha volta de cara ás próximas edicións, e facerlle máis caso a persoas como Vicente Rico, un dos responsables de “Eurovisión-Spain.com”, que xa advertía de que algo tan grave podía ocorrer. Que o voto popular situase ás Tanxugueiras no primeiro posto e o voto “demoscópico” no segundo, mentres o xurado miraba para outro lado, cheira bastante mal, por moito que os presentadores se empeñasen na segunda semifinal en advertir que o xurado votaba de xeito individual, despois da revolución que se montou no auditorio e nas redes sociais falando dun “tongo” ou dunha “orientación”, agrandada polas declaracións que fixera hai uns meses o director xeral de RTVE nas que afirma que “creo que no convendría todavía que ganásemos Eurovisión”. 

Será por iso que a canción que podería sorprender en Europa vai quedar sen poder representarnos?, porque tal como levo afirmado en toda canta entrevista se me fixo esta semana, se o xurado da final é o mesmo, que vai ser, “estamos jodidos”, perdón pola expresión que os meus compañeiros do “Dígocho Eu” da TVG, Carlos Amado e Esther Estévez, se encargaron de “viralizar”. De calquera xeito, esta noite volveremos votar en masa por estas tres magníficas mulleres que, pase o que pase, xa revolucionaron o mundo musical dentro e fora das Portillas do Padornelo e da Canda. Queridas “Tanxugueiras”, “Non hai fronteiras”.

Te puede interesar