Opinión

Jorge de Álvarez

Os modelos de Jorge de Álvarez.
photo_camera Os modelos de Jorge de Álvarez.

Hai pouco tempo entrevistei para a radio ao estilista, perruqueiro e deseñador ourensán Jorge Álvarez; e xa estaba tardando en facelo despois de ter recibido en moi pouco tempo varios premios importantes na nosa Terra, como foron o de Mellor Xoven Deseñador da Mostra do Encaixe de Camariñas e o Premio Balneario de Mondariz o Deseño Novel Galego, os dous máis que merecidos pola aposta deste creador de Viana do Bolo en abrir a mente do espectador, eliminando as barreiras que separan o masculino do feminino e creando un estupendo e comprometido andróxino. Para mostra a fotografía que acompaña a estas liñas e que corresponde á súa cita de Mondariz Balneario, un lugar realmente fermoso e máxico para expoñer e facer desfilar os seus deseños, lucidos por un grupo de xóvenes modelos sen complexos nen ataduras.

Sorprendeume na entrevista radiofónica a timidez e prudencia deste estilista que segue reivindicando a súa terra natal e dando pulo á nosa preciosa Galicia do interior menos urbanita; non precisa vivir Jorge nunha gran cidade para estar ligado totalmente ao mundo da moda e das novas tendencias; todo o contrario, o apostar pola Terra válelle para imaxinar deseños que doutro xeito non podería, como foi o caso cando decidíu presentarse ao casting de “Maestros de la Costura” de TVE, onde chegou a ser finalista cunha creación inspirada no “Boteiro” de Viana do Bolo que causou unha gran sensación, despois de “pelexar” con máis de dez mil aspirantes. O noso Entroido dá para moito, e se este ano non podemos celebralo como Deus manda, que se prepare o ano seguinte porque pode ser de antoloxía. Aínda que así entre nós, e sen que se entere ninguén, dubido moito que, mantendo todas as medidas sanitarias de seguridade, non haxa algún ou algunha que dea unha “entrada” coas súa “mascariña” como diriamos en Allariz.

Estou convencido que este loitador non vai renderse e volverá intentar ser “Mestre da Costura” ou da cinta métrica, o “jaboncillo” e o “acerico”, nese ou noutro programa ou certame onde poda demostrar todo o potencial que leva dentro. E senón, no día a día sorprendéndonos con novas apostas e novas coleccións. De momento non quere estresarse nin poñer o carro por diante dos bois, sabia decisión, e prefire ir pouco a pouco, coidando a diario dos seus clientes no salón de beleza que dirixe, e nos momentos libres deixando voar o maxín para en sabe Deus que mundos coller inspiración.

Falamos na entrevista do smoking feminino no que coincidimos en gusto como conxunto imprescindible para un fondo de armario de momentos especiais; tamén nesa aposta transgresora de romper xéneros e vestir como a un ou a unha lle peta, sobre todo neses momentos ou acontecementos onde as persoas poden campar un chisco máis; así foi o caso dalgunha das súas musas como Tania Fuegho, Fátima Pego ou Lucía Pérez, que mesmo lucíu varios dos deseños de Jorge de Álvarez na súa participación como portavoz do xurado da preselección eurovisiva Finlandesa. En Helsinki a gran Lucía tivo que cantar evidentemente o “Que me quiten lo bailao” exhibindo a moda galega saída das terras de Viana. 

Anda ahora o noso deseñador metido de cheo na colección que presentará ao “Premio Nacional a la Moda para Jóvenes Emprendedores”, que se vai celebrar no próximo mes de febreiro e na que el é o representante de Galicia. Nin que dicir ten que lle desexamos todo o éxito do mundo.

Te puede interesar