Opinión

José Suárez no Gaiás

Sempre que subo ata o Gaiás acabo enfurruñado nada máis sair do coche. Ou fai vento, ou chove, ou hai néboa ou, ás veces, ata pega un sol de xustiza. Os que visitaron algunha vez a Cidade da Cultura xa saben que quen deseñou tan controvertido proxecto non pensou moito   nestas cousas da meteoroloxía galega, polo que a ilusión coa que sobes para disfrutar dunha exposición ou dun concerto queda chafada en canto pós un pé en terra. É así, sen discusión.

O mesmo que non se pode discutir que en canto anoitece  o máis normal é que deas un tropezón provocado polo cegamento das inoportunas luces que saen do chan e que che impiden ver as escaleiras. E volves loitar contra o vento, a chubisca, ou a néboa, coa sensación de desacougo que che produce o sentirte no medio da pista de aterraxe de Labacolla; desacougo que nestes días aumenta polo decorativo andamiaxe que trata de impedir que as lousas dalgún dos edificios se veñan ao chan; un andamiaxe que che dá a benvida en forma de pórtico cando accedes, por fin, á magnífica exposición “Uns ollos vivos que pensan” do alaricano José Suárez, un grande da fotografía do pasado século, do que tamén podemos coñecer algunhas das súas outras afeccións como o cine ou o esquí;  non é casualidade que o último proxecto ao que se dedicou en vida fora o asesoramento para a construcción da Estación de Cabeza de Manzaneda.

Disfrutei nesta magnífica exposición, comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, coas series de fotografías sobre os Mariñeiros ou os Oleiros, tamén das feitas na súa estadía no Xapón ou en América, pero sobre todo coas da Malla, onde con grande emoción descubrín unhas fotografías dos meus avós Camilo Borrajo e Luisa Cid en Roimelo; gustei igualmente dos retratos de Unamuno ou das realizadas na súa enriquecedora camiñata entre Salamanca e Allariz, e gocei cos artesanais traballos audiovisuais encargados por CIFESA; detinme diante das vitrinas que atesouran os documentos da época, entre os que saliento a carta de despedida no seu pasamento titulada “Unha grande perda” que Núñez Búa envía ao xornal “La Región” desde La Plata o dia 15 de febreiro de 1974 publicada íntegramente en galego. Era o adeus que lle dedicaba o galeguista de Vilagarcía, quen morrería na terra que o acolleu no exilio, a Arxentina, onde tantos intelectuais coincidiron mantendo vivos o idioma e a cultura galegas durante as décadas negras da dictadura española.


Fun ata o Gaiás acompañado do meu antigo alumno da Laboral de Ourense Xaime Varela, profesor de galego recentemente retornado de Londres, onde fixo gozar do noso idioma a moitos rapaces do Instituto  Cañada Blanch, creando a páxina www.galegoenlondres.gal como parte do proxecto educativo. Gusto de presumir de alumnos coma el que son quen, tanto en Londres como na Sorbona de París, de deixar unha pegada indeleble, como a bó seguro estará deixando agora cada día no IES “Chano Piñeiro” de Forcarei onde ensina e onde continúa co seu Proxecto de Dinamización Lingüística.

Te puede interesar