Opinión

"La venda ya cayó"

O de dispor de moito tempo libre é o que ten, que podes tragarte varias tempadas dalgunha serie de Netflix dunha sentada, ou desesperarte vendo as desgrazas futbolísticas do Celta nas que sempre rematas dicindo iso de "que necesidade teño eu deste sufrimento"; ou ver a semifinal do "Festival da Cançâo" portugués que me manda directamente á cama sen saber quen pasa á final, despois de aguantar dúas horas e media de transmisión soporífera, aínda que estivese copresentada pola sempre marabillosa Sónia Araújo; perxurando que non me pillan noutra, porque o efecto "Salvador Sobral" está facendo que cada gala sexa unha auténtica tristura, e non están os tempos para iso. Agardo que os xurados e o televoto portugués se decanten por levar a Eurovisión os "Telemoveis" do impactante Conan Osiris que non vai deixar a ninguén indiferente.

E nesas estou, enganchado cal "talifan" adolescente a todo o que dán de sí as galas previas ao Eurofestival, escoitando dúcias de cancións de diferentes países que os meus amigos de "This is Galicia Calling" me recomendan e que os tamén amigos de "Eurovisión Spain" me retransmiten; aínda que se queremos ver todo poidamos volvernos tolos, como pode ocorrer esta fin de semana, tratando de seguir ao mesmo tempo as finais de Ucraína e Alemaña e a cuarta semifinal do Melody sueco, que para todo "eurofán" que se prece ven sendo algo así como para un futboleiro empedernido estar pendente de todos os cuartos de final e semifinais  previas a gran final da Champions. O dos suecos é para botarlle de comer á parte nesto das cousas eurovisivas, porque vívenas como se lles fora a vida nelo; algo parecido ao que lles sucede aos italianos co seu veterano Festival de San Remo, acontecemento que paraliza o País, conservando ese poso tradicional que os que xa vimos gañar a Massiel en Londres agradecemos; isto é, un escenario sobrio pero engrandecido por unha excelente orquestra que revaloriza á música e aos músicos. Por San Remo seguen pasando, ademais de moitos cantantes noveles, as grandes voces da canción italiana de todos os tempos e os grandes artistas internacionais que acoden como convidados. Todo un luxo que dura varios días, e de onde saíu este ano a fermosa canción "Soldi" que Mahmood defenderá no escenario de Tel Aviv.

E do noso Miki ¿que dicir? Pois eu digo que estou contento de que vaia este xoven catalán a representarnos con ese tema tan festivo que será sen dúbida a canción máis coreada en todas as verbenas do País e fora das nosas fronteiras. Tamén estou gratamente sorprendido coa actitude do cantante diante da oportunidade que se lle presenta. Entendeu desde o primeiro momento que isto podía ser a gran lanzadeira para a súa carreira e abofé que está facendo méritos para que lle vaia bonito. Sempre optimista, remando a favor e comedido nas súas declaracións, por moito que algún xornalista atravesado queira metelo nalgún compromiso que non vén ao caso. E alégrome moito por el, porque aínda que non son eu moi seguidor de Operación Triunfo, sí que puiden comprobar a actitude "sobrada" dalgúns dos seus compañeiros e compañeiras aspirantes a artistas, que moito me temo van quedar no máis puro ostracismo.

Agora toca arroupar ao rapaz, preparándolle unha escenografía e unha coreografía potentes e sorpresivas e que la "La Venda" traiga para a casa o prezado Micrófono de Cristal.

Te puede interesar