Opinión

Lo que "ere"

Estaba agardando para escribir esta colaboración a que TVE fixese público o video coa última versión de "La Venda", canción coa que Miki Núñez tratará de convencer aos xurados e publico europeos no Festival de Eurovisión de Tel Aviv. Gustoume o resultado final, cuns retoques musicais que melloran o tema e cunha posta en escea moi en consonancia coa imaxe que proxecta o xoven artista; festivo, urbano, natural e moderno. Seguramente os miles de opinadores de páxinas web especializadas terán opinións ben distintas á miña, porque en definitiva en Eurovisión pasa o mesmo que no mundo do fútbol, onde cada quen se converte nun seleccionador nacional. E aproveitando que nomeo o fútbol, e facendo un pequeno inciso, agardo que o novo adestrador Fran Escribá axude a salvar ao noso Celtiña das garras do descenso, e que San Iago Aspas se recupere a tempo para contribuir á causa goleadora e que o próximo ano podamos celebrar por todo o alto eso que se deu en chamar "O Noso Derbi", co retorno do Dépor á primeira categoría.

Pero volvendo ao Neurofestival, e tal como xa vos contei, non soamente sigo as andanzas do representante español, que acaba de chegar de Israel de gravar a postal que logo se emite xusto antes da actuación, senón que me trago non poucas preseleccións nacionais de Países dos que cada ano teño que mirar no mapa por onde caen, que tampouco ben mal refrescar a xeografía, a historia e a xeopolítica, enterándome así de odios ancestrais entre algúns deles, e mesmo de xenocidios dos que eu era descoñecedor, mea culpa, entendendo así algunhas das votacións que logo se dan no festival. Este ano sen ir máis lonxe temos o caso de Ucraína, que non participará no evento por todo ese lío que teñen coa Rusia de Putin e a Península de Crimea. Unha pena que a política tamén interfira nun festival que reivindica sempre a solidariedade, a liberdade e a tolerancia, pero ¡que lle imos facer!, son tempos complicados nesta nosa Europa, á que se alguén non lle bota rápidamente unha man vai camiño do abismo, e ese alguén non é outro que nós mesmos, os que metemos cada certo tempo unha papeleta nunha urna, papeleta que nalgúns casos pode convertese nunha auténtica bomba de reloxería.

¡Vaia!, xa volvín ir polas ramas; pero volvo ao rego de inmediato, e volvo a Portugal onde tal como predecín hai un par de semanas estaba todo vendido para que o transgresor Conan Osiris arrasara no Festival da Cançao que, por moito que afirmei que non vería, traguei enteiriño ata a votación final que elexíu a este curioso intérprete que pode conseguir que o País irmao volva ser noticia en Eurovisión. A canción "Telemóveis" é das que non anda con medias tintas, xunto coa súa posta en escea son desas cousas que ou che encantan ou bótante para atrás. E a min, aínda que a canción non me volve tolo, sí que me parece unha aposta interesante, rachadora e que dá unha imaxe ben moderna deste Portugal que leva uns anos sorprendendo a propios e estraños.

Agora tócame ver o "Melodifestivalen" sueco que chega á súa gran final cunha enorme expectación, non soamente nos países nórdicos senón entre os eurovisivos de toda Europa, por algo Suecia é sempre un referente de cancións, intérpretes, compositores e realizadores do Eurofestival. Será outra noite estupenda de cea e risas cos meus amigos de "This is Galicia Calling".

Te puede interesar