Opinión

Luis Tosar

Sería moi fácil agora subirse ó carro dos Goya é dicir que Tosar é o amigo de toda a vida. Pois non, nin de toda a vida, nin sequera amigos; seguramente porque non tivemos ocasión de selo. Pero si que hai entre nós, creo, un mútuo respecto profesional, e pola miña parte unha gran alegría cando o vexo abrazarse a Bardem para recibir o xusto premio ó “Malamadre” da “Celda 211”, que seguramente lle permitíu facer unha das grandes interpretacións da súa vida.

Atopeime con Tosar nun teatro madrileño cando aínda non tiña saboreado os meles de “Los lunes al sol” ou “Te doy mis ojos”, e tiven a oportunidade de felicitalo en persoa en plena Gran Vía porque non tiña o trato suficiente como para ir ó camerino ó final da función a decirlle o moito que disfrutara con “La cena de los idiotas”, onde compartía escenario cun tamén magnífico Pepón Nieto, aínda non coñecido polo gran público dando vida ó divertido poli de “Los hombres de Paco”. Anos máis tarde, Tosar devolveríame a felicitación na viguesa Rúa do Areal polo meu traballo en “Acompáñenos”, facéndome saber que tiña a toda súa miña familia enganchada á tele tódalas tardes. E vindo dunha familia que atesoura uns cantos Goyas nas vitrinas da súa casa convértese en todo un piropo dos que che soben a “paletilla”.

Confeso sinceramente que non son un fan de Tosar dos de toda a vida; foime gañando pouco a pouco, e mesmo disfruto cos seus videos musicáis en Youtube á fronte do seu grupo “The Ellas”, mentres agardo a que este verán vexa a luz un pedazo de disco que están cociñando nos estudios estradenses do meu amigo Fernando Campos; onde por certo eu ando modestamente versionando un tema de Roberto Carlos en brasileiro, por aquelo de poñer en práctica o moito que aprendo neste curso de portugués acelerado no que ando metido.

E anda agora o amigo Luis Tosar promocionando a película “Os Crebinsky”, unha producción enteiramente galega e que se

exhibirá este verán nas salas de cine, coa banda sonora interpretada en directo, e na que encarna ó comandante Anderson, que pilotando un submarino norteamericano trata de convencer ós seus mandos de que Galicia é o mellor lugar para realizar o desembarco de Normandía.

Seguramente, para Tosar, Galicia é o mellor lugar do mundo para case todo, e non ten moitas ganas de establecerse ó outro lado do Padornelo ou do Atlántico, aínda que ofertas non lle falten. Lembro aquela tarde de encontro en Madrid cando me dixo que estaba desexando cumprir o contrato para volver canto antes a subir Pedrafita. E nós estamos encantados de que volva sempre, e de cada vez que sae fora presuma de Galicia, do galego e dos galegos.

Te puede interesar