Opinión

Machismo musical

las_chicas_del_can_result
photo_camera Catro mulleres compoñentes dunha formación musical.

Nalgunha ocasión, despois da actuación dalgunha orquestra téñolle dito, sempre con cariño e respecto, que igual non estaría mal darlle unha voltiña á letra dalgunha canción que, se ben na súa parte musical son de factura impecable, no tocante ás letras emanan un tufiño machista que a estas alturas de liga son cando menos política e socialmente incorrectas. Xa non fai falta ir á clasica “Te compro tu novia”, que ven sendo desde hai décadas un dos máximos exponentes do que non se debe cantar, basta con botarlle unha escoitada a algunhas das que chegan en forma de gran éxito desde o outro lado do charco, que moitas veces veñen disfrazadas de suposto romanticismo, pero que a pouco que escarbemos nelas enseguida atoparemos expresións do tipo “la maté de cariño” ou  “le partí los labios de tanto quererla” cando menos cuestionables.

Non vou pecar de ser máis papista co papa, e non vou caer na trampa de querer pasar pola fogueira inquisitoria toda canta canción conteña un piropo máis ou menos acertado, porque como dí unha amiga miña cubana, nada sospeitosa ela de ter a mínina consideración co machismo, hai que ver as cousas no seu contexto e no seu lugar; pero sí que hai que ser totalmente belixerantes con todo aquelo que supoña a degradación de calquera persoa; e dá igual se a canción en cuestión é cantada por unha orquestra de verbena, por un  exitoso grupo de rock, rap, ou mesmo folk, que tampouco se libran ás veces deste pecado, e non porque sexan cancións tradicionais van gozar de bula exculpatoria.

En tempos nos que o machismo, a xenofobia, a homofobia e demais fobias violentas campan novamente ás súas anchas entre a xente máis nova, como xa non se recordaba, hai que ser moi meticulosos con todo o que se amplifica. Son tempos nos que moitos adolescentes violan a intimidade dos teléfonos mobiles das súas noivas, e nos que cada día aparecen máis casos de maltrato físico e psicolóxico nos colexios ou nos lugares de ocio, son tempos nos que deberiamos facer un esforzo pedagóxico engadido para que estas conductas desaparezan canto antes. Cando pensabamos que estaban soterrados aqueles casposos chistes da España profunda, nos que as minorías sempre tiñan as de perder, parece que volve facer gracia facerlle a vida imposible a quen imaxinamos inferior ou diferente. Máis nos valera volver a ensinar en profundidade a educación cívica e solidaria, e non estaría nada mal facer algún exercicio de “comentario de texto” con algunha desas letras de cancións ás que me refería ao principio; desgraciadamente títulos hai para dar e regalar.

E xa postos a educar en igualdade, e volvendo ao mundo das queridas orquestras que tantos miles de seguidores teñen por estes lares, igual non estaba de máis que algúns responsables das mesmas fixeran un exercicio de reflexión estilística para que as súas estupendas cantantes poidan estar no escenario igual de vestidas que os seus compañeiros masculinos; isto é, festivas pero elegantes; porque non é moi de recibo a día de hoxe facer unha Sesión Vermut en “salto de cama”. E xa postos a ser sexys, tamén absoluta igualdade.

Te puede interesar