Opinión

Marisol

A sempre querida Pepa Flores cumpre hoxe 75 anos e pareceume que era un bo momento para lembrar a unha desas mulleres que forman parte da banda sonora e cinematográfica de moitas xeracións. E digo moitas porque a nena Marisol segue arrasando en audiencia a través das décadas en cada ocasión que TVE decide repoñer calquera daquelas primeiras películas coas que namorou a toda España, cando era a nena prodixio dos anos 60.

Os nenos daquela época que tiñamos a boa costume de ir ao cine da vila todos os domingos, preferiamos que nos carteis publicitarios aparecesen indios e vaqueiros como reclamo, pero tampouco lle faciamos ascos a Pili y Mili, Cantinflas ou Tarzán, sentados naqueles banquiños de madeira, reservados para os máis pequenos, pegados case á pantalla, para ver as estreas de “Un rayo de luz” “ou “Tómbola” da pizpereta Marisol. Todo elo despois de tragarnos pacientemente o “NODO” onde un señor con bigote non paraba de inaugurar “pantanos”.

Que aqueles nenos de entón estivésemos enganchados a este tipo de películas era o normal, era o que había, pero o que sempre me chamou a atención foi ver a diferentes xeracións, de nenas sobre todo, enganchadas a esas innumerables reposicións do “Cine de Barrio”; un fenómeno de masas compartido tempo despois coa televisiva “Pipi Calzaslargas”, a nena ácrata e marabillosa que rachaba con todos os esquemas preestablecidos.

Co pasar dos anos fomos medrando e esquecendo a esta Marisol nena para redescubrila, xa como mito erótico de todo un país, con cancións que para ela lle facían compositores da talla de Manuel Alejandro, como o tema “Niña” coa que representou a España no Festival da OTI do 1972, aínda que o gran debate nacional se centrara en se a artista levaba roupa por debaixo daquel vestido que lle quedaba cal guante, un ano antes de casar co bailarín Antonio Gades en Cuba, tendo como padriño ao propio Fidel Castro. Sempre se dixo que Gades influíu decisivamente na carreira da xa chamada Pepa Flores, e non para ben. Marisol comparte co seu marido activismo político e social e no 75 protagoniza un deses feitos que significan unha ruptura con todo o pasado; aquela nena anxelical e familiar aparece espida na portada de “Interviú”, denunciando abusos sexuais, e protagonizando películas de grandes directores como Mario Camus ou Carlos Saura. Sen esquecer aquelas cancións da infancia ou as exitosas “Mami Panchita” ou “Corazón Contento” ata “Háblame del mar marinero”, outra composición de Manuel Alejandro con letra de Rafael Alberti e cunha que Pepa Flores que volvía estar arriba nas listas de éxito, coa súa tan persoal voz rachada e a súa fermosura.

De repente dámonos conta de que a nosa artista desaparece do panorama musical e cinematográfico e “dela nunca máis se sabe”, salvo que teñas a sorte de ir camiñando pola capital malagueña e atoparte con ela cando sae a pasear co seu can. Total discrección no seu retiro, apoiando as carreiras das súas fillas, como a da querida María Esteve a quen tiven o pracer de ver na obra teatral “La importancia de llamarse Ernesto” de Oscar Wilde xunto ao galego Jesús Vázquez.

Sería María e as súas irmáns Celia e Tamara quen recollerían o Goya de Honra que a Academia de Cine lle concedeu a Pepa Flores, e que nos mantivo espectantes diante do televisor por se aparecía a última hora en plan bomba mediática. Non foi así, Pepa Flores, a gran Marisol, estaría dando as gracias toda emocionada desde a súa casa.

Te puede interesar