Opinión

María do Ceo “vai de roda”

María do ceo “vai de roda”
photo_camera María do ceo “vai de roda”

A verdade é que con este título podo imaxinarme perfectamente á nosa querida artista polo medio da Ribeira Sacra empurrando unha roda de afiar mentres, entre chifre e chifre, vai cantando as cancións do seu último disco. Fermosas cancións que conforman a Homenaxe á gran Amália Rodrigues de quen ela tanto mamou, e con quen tiña unha débeda pendente, según confesa, por estar aprendendo da gran dama do fado tódolos días.

O certo é que a nosa cantora ourensá cumpriu parte da promesa que me fixo na penúltima visita ao “Bamboleo”, programa no que volve estar esta noite, cando dixo que estaba traballando en dous proxectos, un é este disco de homenaxe, e outro será totalmente en galego e do que xa sabemos que se titulará “Galicia”, onde o seu compositor de cabeceira e amigo da alma, Armando González, volverá ter moito que dicir, xa que da súa autoría aparecerán moitos poemas ao lado doutros ben coñecidos escritos por Rosalía de Castro ou Carvalho Calero, entre outros insignes poetas.

Pero mentres iso chega gozaremos, e moito, con este “Vai de Roda”, que inclúe temas fermosísimos como o que dá nome ao disco, que a artista quixo incluir en recordo da súa querida nai que moito o cantaba, ou outros tamén ben lindos como “Zé María”, “Naufragio”, “Meu amor é Mariñeiro”, “Maldiçao”, “Eu ja nâo sei”, e a fermosísima “Hortelâ Mourisca” que María do Ceo rescatou dun dos seus primeiros discos facéndolle novos arranxos. Están tamén incluídas con voz actual a “Lisboa Antiga”, o “Malhâo de Sâo Simâo”, a “Comadre María Benta” e unha versión máis percusionada e reducida do sempre aplaudido “Sacristán de Coimbra”. Así ata 14 cancións nas que María do Ceo lle canta á súa Amália e cántanos a todos nós, para emocionarnos unha vez máis; e nos concertos en directo poderemos comprobar como esa dieta autoimposta que lle quitou quilos e anos, non lle afectou para nada á súa espléndida voz; todo o contrario, parece que lle deu aínda máis forza e máis brillantez. Así o gozaron e gozan quenes tiveron e teñen o privilexio de asistir aos seus concertos ao longo da xeografía galega e española, durante este verán e outono, nuns momentos nos que poder cantar en auditorios con público foi e segue sendo todo un luxo.

Aínda que nos encante ver a María do Ceo acompañada de moitos grandes músicos enriba do escenario, como aquel fantástico concerto no Teatro “García Barbón” de Vigo, cheo a reventar, e no que músicos portugueses e galegos, incluídos como sempre o seu marido José e o seu fillo Álex Salgado, que xa se fixo un virtuoso da guitarra portuguesa, fixeron que María mesmo levitara nalgunha das súas cancións, ou fomos nós os que levitamos, non sei moi ben; tamén é certo que gozamos neses momentos máis íntimos nos que se deixa acompañar unicamente polas dúas guitarras da familia ou polo magnífico pianista ourensán recoñecido internacionalmente, Javier Constenla, a quen tanto admiramos, e que neste disco acompaña en solitario a María nos temas “Rasga o passado” e “Lágrima por lágrima”. Todo un luxo.

Pois aquí está de novo María do Ceo en estado puro para que gocemos da súa marabillosa voz. Esta noite teremos no “Bamboleo” un aperitivo deste “Vai de Roda” que xa está en todas as plataformas dixitais para o noso deleite.

Te puede interesar