Opinión

De Massiel a Tanxugueiras

Piñeiro co vestido de Massiel e nunha viaxe a Londres.
photo_camera Piñeiro co vestido de Massiel e nunha viaxe a Londres.

Nestes momentos nos que os “Eurofáns” estamos revolucionados polo efecto “Tanxugueiras”, e por todas as espectativas que temos de cara a ese “Benidorm Fest” do que sairá elixida a canción e intérpretes que nos representarán en Turín, quixen traer a esta páxina dúas fotos ben significativas da miña relación co Eurofestival; unha na que teño de fondo o vestido que Massiel levou a Londres para gañarlle ao mesmiño Cliff Richard e ao seu famosísimo “Congratulations” na súa propia casa, naquel marabilloso “Royal Albert Hall”, que é xustamente o que aparece na outra fotografía feita nunha das viaxes á capital británica, poucos minutos despois de atoparme con Brigitte Bardot, noutrora musa do cine e símbolo sexual dos anos 60 e logo gran activista animalista, que paseaba por Hyde Park dándolle de comer a todo canto esquío atopaba polo camiño. O de encontrar o vestido de Massiel foi por pura casualidade, e con enorme sorpresa para min, alí estaba protexido por unha vitrina e formando parte dunha exposición sobre obxectos icónicos dos anos 60 que se exhibían na Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia. Non vos podedes imaxinar o que para min significou isto tantos anos despois de que aquel “La La La” triunfara no 1968. 

Por facer unha comparación que entendan ben os futboleiros, sería como que un neno que tivera oito anos no 2010 se atopase agora mesmo coa camiseta usada por Iniesta na final do mundial de fútbol gañado por España. Aquel berro xa histórico de “Iniesta de mi vida” proferido por José Antonio Camacho sería como cando na votación eurovisiva Alemania nos daba seis puntos e Yugoslavia non lle daba ningún ao Reino Unido e nos outorgaba a nós o punto suficiente para gañarlle á “Pérfida Albión”. Os berros de xúbilo de todo o barrio de San Benito de Allariz escoitáronse ata nas beiras do río Arnoia. Aí estábame bautizando, sen sabelo, como “eurofán” de pleno dereito, palabra que por certo acaba de ser incorporada ao diccionario da Real Academia Española, describíndonos como “Seguidor del Festival de la Canción de Eurovisión y de todo lo relacionado con él”.

E nesas estamos, pendentes de todo o relacionado co noso Festival, e casualidades da vida, mentres isto escribo a golpe de xoves pola tarde, chégame a noticia de que o “Benidorm Fest” vaise celebrar na última semana de xaneiro, con dúas seminifinais e a gran final o día 29, a celebrar no Palau Municipal L’Illa de Benidorm, con capacidade para máis de 3000 espectadores, aínda que me da a impresión de que o aforo real vai estar moi condicionado pola evolución da pandemia.

Nós seguimos espectantes por coñecer esta próxima semana a canción que Tanxugueiras vai levar a Benidorm, un tema titulado “Terra”, e no que as irmáns Olaia e Sabela Maneiro dixéronme onte á noite no meu programa da Radio Galega que serán, xunto con Aída Tarrío, “máis Tanxugueiras que nunca”. Nesa conversa volveron manifestar estas “furacáns empoderadas” da música galega que están ilusionadísimas e que irán a por todas, defendendo o noso idioma e a nosa cultura. E nós ben orgullosos que estamos delo. Ogallá que nestas galas de TVE poidan exhibir todo o seu poderío e a súa forza, e lle deixen recrear o ambente tan fantástico que caracteriza as súas postas en escea e os videclips cos que nos agasallan en cada canción.

Te puede interesar