Opinión

Meu primo Tomás

O primo Tomás.
photo_camera O primo Tomás.

Hoxe pedíame o corpo dedicarlle estas liñas ao meu querido primo Tomás que nos deixou hai uns días na súa casa de Elgoibar, onde pasaba parte do ano coa familia; e digo parte do ano, porque desde que se prexubilara decicíu instalarse coa súa muller Consuelo na casa de O Mato en Allariz, onde será recordado con gran cariño por todos os seus veciños para os que Tomás era a alegría de vivir e convivir, sempre cantando e sempre botando unha man a quen o precisase.

O seu pasamento, ademais de producir unha inmensa tristura entre todos os que o queriamos, levou ao meu maxín aos tempos nos que estudiei en Eibar en plena xuventude e con case toda a familia por parte de nai vivindo en Elgoibar, onde as miñas tías pelexaban por acollerme nas fins de semana, facendo que eu recorde aqueles anos como algúns dos máis felices da miña vida. 

Tomás, como a maioría deses meus primos e primas, era fillo da emigración masiva ás “Vascongadas”, que se dicía daquelas, que tivo lugar en toda a contorna de Allariz, sendo Eibar, Elgoibar e Ermua os seus principais destinos. Vilas todas elas de grandes oportunidades para traballar na infinidade de fábricas alí instaladas. A bo seguro que os inicios non foron fáciles, como nunca o son cando tés que abandonar o teu fogar en Galicia e poñer rumbo vital a moitos quilómetros de distancia, pero con esforzo e traballo foron moitas as familias que se foron formando, criando fillos nacidos xa nesoutras terras e conseguindo un nivel de vida importante.  

Mentres moitos dos que quedamos por estes lares fixemos carreira á base de becas, porque traballo o que se dí traballo non había moito, e o que había era pouco apetecible; no País Vasco, previo paso pola “Escola de Armería” de Eibar, os mozos incorporábanse moi noviños ao mundo laboral onde ían poñendo en práctica o aprendido previamente, e aportando cada mes o seu salario á economía familiar. 

E así coñecín eu realmente ao meu querido primo, sendo un adolescente feliz, co peto sempre disposto a ser xeneroso con xente coma min que tiñamos os cartos xustos para ir ao cine ou mercar unhas pipas; aínda que para compensar isto sempre estivera a inmensa xenerosidade da tía Carmen que rexentaba co tío Pepe o “Bar Orense” no centro de Elgoibar, onde cada día chegaba “La Región” para que non se rompese o cordón umbilical de unión coa Terriña. 

E cada fin de semana, na que eu saía do internado, vivía moitas horas con este meu primo e coa prima Feli; con ela, o mesmo que pasaba con Tomás, tamén adientei un chisco o que sería un proceso de maduración persoal, que nada tiña que ver co que tería en Allariz. Nunca esquecerei aquelas sesións de cine con películas, tipo “El Padrino” ou “Cabaret”, nas que podía colarme cos meus quince anos gracias a ir da man dos meus primos maís maiores, como o querido José Antonio; para logo sair de “chiquiteo”, pitillo en man, polos ateigados bares de Elgoibar. 

No bacharelato de Eibar tiven que estudar moito por ser un centro moi esixente, pero as fins de semana eran marabillosas, nas que o primo Tomás podíate sorprender levándote a merendar-cear a un restaurante fronte ao mar de Deva un “chuletón de a quilo” que nunca tal cousa viras. Estou falando duns mocosos de apenas quince ou dezaseis anos. Por iso e por moitas cousas máis vaia hoxe o meu recordo e inmenso cariño para el e para toda a familia.

Te puede interesar