Opinión

De Minimalia a Edurne

Hai veces que un vai escribir sobre determinado tema e decide poñer música de fondo para inspirarse, e resulta que remata falando desa música en cuestión deixando de lado a primeira opción. É o caso de hoxe, porque xusto tiña enriba da mesa o último disco de Daniel Minimalia, “Arenas de Luna”, que o noso artista vai presentar hoxe mesmo en concerto coa súa banda no Auditorio Municipal de Ourense. Esta pequena gran xoia regalouma Carlos Barandela de Zouma Records falando marabillas dela, e abofé que non esaxeraba nada este promotor musical e responsable do éxito de tantos artistas. Non dubido que o concerto deste sábado será todo un agasallo para os sentidos, e asistirei para aplaudirlle a quen xa leva percorrido medio mundo co seu anterior traballo e ó que lle agarda outra gran xira neste lado e no outro do Atlántico, onde colleitará sen lugar a dúbidas novos éxitos e premios. Xa sabedes que todo o que me gusta ou me parece bó recoméndollo ós amigos e aproveito calquera ocasión para promocionalo, e aquí está a miña pequena contribución á difusión do traballo deste xoven e excelente compositor e intérprete do que os ourensáns podemos sentirnos realmente orgullosos. 

E como empecei con música, con música sigo, porque non ven mal cambiar o chip e o estilo despois de tantos dias cantando “a grito pelado” as cancións de Alejandro Fernández ou Ana Gabriel, por aquelo de que aínda que o corpo ande por aquí xúrovos que parte do meu maxín aínda segue en México Lindo e Querido. Así de estupenda foi a miña recente viaxe.

E tampouco está mal combinar os “Latidos” ou as “Olas del Sur” de Minimalia co “Más que tu amigo” de Marco Antonio Solís, canción que me aprendín de memoria por escoitala ducias de veces nas emisoras mexicanas, e mesmo coreala nun divertido karaoke. Si, é verdade, fun a un karaoke, cousa que non facía desde os tempos nos que percorría Galicia co “Téquele Téquele”, e fun sobre todo porque na capital mexicana, ao igual que en moitos outros lugares que teño visitado, non fai falta agardar ata as tres da madrugada para cantar, bailar ou pasalo ben, cousa que por estes lares non acabamos de entender para desesperación dos hosteleiros que teñen que facer caixa nun par de horas e a toda présa. En México volvín bailar, cousa que case tiña esquecida, a unha hora prudencial e divertíndome do lindo vendo como os máis novos danzaban frenéticos ao ritmo das músicas latinas de Thalía, Paulina Rubio ou o Grupo 5 do Perú, que canta un dos meus temas favoritos, “Quien cura el corazón”, que ata empreguei para darlle título a un dos capítulos do meu libro. 

E para rematar esta columna tan musical é obrigado para os “neurovisivos” facer referencia á recente elección interna que fixo TVE para designar a Edurne como representante española no Festival de Eurovisión. Escoitarei a canción para dar opinión, pero agardo que sexa tan innovadora como promete. De momento xa recibíu os parabéns de Pastora Soler, Ruth Lorenzo, Lucía Pérez e moitos outros artistas eurovisivos.

Te puede interesar