Opinión

Mirando cada o palco

Quixen retomar estas miñas colaboracións no periódico cunha sentida homenaxe a todas e todos eses músicos e artistas que cada verán deixan a pel sobre escenarios e miles de quilómetros de asfalto. E moi especialmente á bailarina da Orquestra cántabra "Súper Hollywood", que hai uns días perdeu a vida actuando na provincia de Ávila. Neste caso foi un fatídico accidente pirotécnico e noutros moitos casos as traxedias veñen provocadas por malas conexións eléctricas, accidentes de coche ou simplemente por mala fortuna; e disto sei ben do que falo porque eu puiden formar parte desa lista de cantantes que quedan pegados para sempre á súa guitarra e ao seu micrófono; gracias a que ás veces aparece de repente un anxo da garda que se decata do que che está pasando e logra desenchufar a tempo. Ben é certo que hai anos traballabas sen demasiadas medidas de seguridade, mesmo subidos enriba de plataformas metálicas que en verbenas de treboadas ameazantes puñan os pelos de punta. 

Actualmente as orquestras, especialmente as que fan de Galicia unha festa interminable durante os meses do estío, levan montaxes espectaculares que para sí quixeran os mellores artistas nacionais ou internacionais; pero tamén é certo que cando Eolo se pon farruco o risco que corren é moi alto, xa que as estructuras son tamén moi altas e non sempre están preparadas para aguantar unha das chamadas "cicloxéneses explosivas" con chuvias torrenciais e ventos de máis de cen quilómetros por hora. Teño moita xente querida nas orquestras de Galicia e cóntanme os avatares polos que moitas veces teñen que pasar nestes veráns de climatoloxía incerta. 

Ven a conto lembrar a cara de susto que tiña o cantante mexicano Luis Miguel na súa última visita a Galicia, sen poder aterrar o seu jet privado en Peinador por unha forte treboada de raios e tronos, desviado finalmente a Lavacolla, para chegar ao auditorio vigués de Castrelos e atoparse cun escenario realmente perigoso, sobre o que tivo que facer por momentos auténticos malabares para manterse en pé. Nin lles conto a cara do artista nas primeiras cancións ata que o seu séquito foi secando toda a parte frontal.

Pero non todo o mundo é Luis Miguel nin todas as orquestras teñen a infraestructura e os "pipas" da "Panorama" ou da "París de Noia". Segue habendo excelentes orquestras máis modestas que ademais de divertir ao "respetable" teñen que facer outros traballos previos e posteriores como xa fixemos antes moitos outros. 

E xa postos a falar de orquestras-espectáculo, eu pregúntome ata onde chegará esa carreira anual por ofrecer o maior despregue de medios técnicos e de infraestructura. O certo é que moven en cada xira a milleiros de incondicionais que as aclaman como a calquera número un das listas de éxito, e que dalgún xeito lles esixen que cada ano os sorprendan con novas músicas, novas montaxes espectaculares e mesmo con auténticos números circenses. 

Non serei eu quen lle poña cancelas ao campo, pero ás veces menos é máis, e cun palquiño de 4x4, un par de luces dos "chinos", dous amplificadores e sobre todo uns “vocalistas” con oficio e artisteo no corpo, dos que neste País hai a ducias, xa temos a festa ben montada e ben divertida. Eles e elas son quen de poñer a bailar "La Cucaracha" a toda a concorrencia, e iso segue tendo moito mérito.

Te puede interesar