Opinión

A moda de Diana Nogueira

Sempre é un pracer quedar con esta estupenda actriz, presentadora e, por suposto, gran amiga; e así o fixemos este xoves no Hotel NH “Palacio de Vigo” para poñernos ao día antes das festas de Nadal. Chegou, como chega sempre, co seu amplo e marabilloso sorriso que xa é a marca da casa e che indica que vas pasar uns momentos ben agradables, e ademáis nesta ocasión fixoo cun “Papá Noel” baixo o brazo en forma de viseira, da marca de roupa náutica que está lanzando ao mercado, utilizando materias primas ecolóxicas e materiais reciclables, con deseños exclusivos e calidade premium, facendo que as prendas teñan aquel plus engadido que tiñan as boas confeccións de hai décadas cando a roupa duraba varias tempadas ou sinxelamente era eterna. O mar e a moda son duas paixóns que inspiran e moven a Diana, e fan que estea vivindo esta nova etapa profesional con toda a ilusión do mundo. Evidentemente sempre pendente desa chamada de calquera productora audiovisual que pode chegar en calquera momento para presentar programas televisivos ou protagonizar algunha outra serie que a introduzan de cheo nos nosos fogares como ocurreu con “Libro de Familia”, “Pazo de Familia”, e moitas outras series, sen esquecernos de “Desmontando Galicia”, un novedoso, divulgativo e entretido programa que nos enganchou a un gran número de espectadores.

Diana nunca deixou de lado o mundo da moda, no que xa estaba metida de cheo cando tiven o pracer de compartir plató con ela formando parte do elenco de “Supermartes”, naqueles anos nos que esta viguesa decidida se presentou ao Certame de Miss España e conseguíu sair elexida Segunda Dama de Honra de Miss Universo, era o ano 1999, conseguindo ademáis un premio especial vinculado ao deseñador Oscar de la Renta, sendo a única española elexida “Miss Grand Slam” pola web especializada www.globalbeauties.com. A partir de aí, copresenta “Luar” con Xosé Ramón Gayoso e non para de traballar, porque se algo caracteriza a esta muller é a súa tenacidade e entrega en todo o que fai. E vai ser por iso que esta nova etapa no mundo da moda tenlle que ir moi ben, onde o lema “Viva a SlowFashion” vai presidir todo o seu traballo. Todo elo, claro está, sen deixar de lado os cursos intensivos de pasarela, modelaxe, fotografía e publicidade que segue realizando, e aos que acoden moitas persoas que queren introducirse de cheo no mundo da moda ou perfeccionar diferentes técnicas de vocalización, interpretación, expresión, posado e todo o que conleva este complexo mundo  das pasarelas e platós.

Pois de todo iso e máis estivemos paliqueando mentres as rúas ían enchéndose de teléfonos móbiles dispostos a inmortalizar os millóns de luces que colgan na cidade olívica. Tamén tivemos tempo lóxicamente para botarlle unhas risas recordando aqueles momentos marabillosos do “Supermartes” que foi para todos un “máster” televisivo, e estivemos babeando coas fotos que a nosa amiga Astrid, tamén compañeira do programa, nos envía do seu neno Migueliño que cada día está máis guapo e que fixo da nosa ex-azafata unha auténtica “madraza” paseando polas fermosas terras de Nigrán, lugar que moitos ourensáns ben coñecen por ter alí a súa segunda residencia de verán.

E coa miña nova viseira de “Cantareira”, que é o nome dunha fermosa praia das Cíes, despedinme da miña querida Diana Nogueira, emprazándonos xa para despois das festas e para seguir poñéndonos ao día.

Te puede interesar