Opinión

Montando o belén

Para os que non tivemos nin ponte nin acueducto son os días propios de “Montar o Belén”, xa que este ano non lle botei a carreiriña ao alcalde de Vigo inaugurando o meu, xusto un día antes de que el lle dera ao botón de prendido das famosas “Luces”; pero é que en pleno mes de novembro non mo pedía o corpo. Pero nestes días festivos sí que mo pedíu, e alá que me puxen a desempoar as figuriñas que fun mercando ano tras ano no mercadillo da Praza Maior madrileña, que daquelas era onde podías atopar as máis bonitas da artesanía española, e non chinesa, con perdón, ben diferenciada sobre todo se lles miramos aos ollos.

Para este momento que me segue emocionando, o de poñer as serraduras, o musgo artificial, o río de papel “albal”, as ovellas, o pozo, o camiño dos Reis, e por suposto o Pesebre, teño sempre preparado un CD cos villancicos que van desde o “Tamborilero” de Raphael ata o “Adeste Fideles” dos Nenos Cantores de Viena. 

E para cando remato coa miña pequena obra de arte, comezo coa árbore de Nadal, chinés por suposto, recordando cando o meu pai traía para a casa unha rama de piñeiro auténtico que ningún dano facía cortalo, e á hora de adornalo sempre ían no alto unhas campaíñas prateadas que conservo como ouro en pano e que seguen indo arriba da árbore, tantas décadas despois, e que me fan recordar eses tempos tan entrañables no piso das “Casas Baratas”.

Cando as coloco agora, co “Campana sobre Campana” soando de fondo, véñenme os recordos desas felices Navidades da nenez ao arredor da estufa de butano “Agni” vendo o Torneo do Real Madrid ou todos aqueles programas especiais que por estas datas poñía TVE; agardando xa daquelas o Especial Raphael que, ao igual que o turrón, voltaba á casa cada Nadal, dándolle as gracias á “Señora de Meirás”, a dos colares, ante quen lle facía sempre unha especie de xenuflexión. Son imaxes que non se foron nunca do meu maxín; Raphael foi durante un tempo o que logo serían aqueles especiais de “Noitevella” que agardabamos con auténtica devoción protagonizados por “Martes y Trece” cos que toda unha xeración aínda seguimos morrendo coa risa ao lembrar as “Empanadillas de Móstoles”. 

Para min aínda ninguén conseguíu igualar a estes dous cómicos marabillosos, ben é certo que hoxe en día algúns dos seus sketchs serían máis que cuestionables; pero as cousas hai que miralas no seu tempo e no seu contexto, senón a maioría das cancións, incluídas as nosas coplas populares, terían que ser queimadas en plan película “Fahrenheit 451” dirixida por François Truffaut no ano 1966, e que a min me impresionara moito cando a vin no Cine Club da Universidade Laboral de Cheste.

Pois entre gravacións de Bamboleo, Xurado de Recantos de Luar, e algúns outros programas nos que participo e que se emitirán neste Nadal na TVG, saquei tempo para darme unha panzada dese sentimento navideño que nunca quixen perder, e sobre todo desde unha das saídas do hospital, onde estivera ingresado case un mes para someterme a un curativo tratamento, co tempo xusto para ver como os meus amigos me axudaban a encher a casa de luces, bolas e espíritu navideño, mentres eu sentado dirixía as operacións de montaxe do Belén, sen poder conter as bágoas de ledicia por estalo vivindo. E nesas estamos, vivindo o Nadal cada ano dando as grazas de poder seguilo facendo coa xente que un máis quere.

Te puede interesar