Opinión

“Motel valkirias"

Na presentación da Serie.
photo_camera Na presentación da Serie.

A nosa TVG ten o bo costume de facer a presentación das novas series de ficción cunha posta de longo, e nunca mellor dito, á que acudimos moitas das persoas que estamos por diante ou por detrás das cámaras dos diferentes programas que conforman a súa grella. E isto ocorreu este pasado mércores no Auditorio santiagués de “Afundación”, onde nunha noite moi fría moitos compañeiros quixemos arroupar a todo o elenco e equipo directivo e técnico deste “Motel Valkirias” que a partir do luns poderemos gozar na Televisión de Galicia. A RTP estreouna o pasado día 27 con grande éxito de audiencia, porque estamos falando de novo dunha coproducción entre as televisións públicas de Galicia e Portugal, coas productoras CTV e SPI como artífices da serie. Estas colaboracións internacionais sempre me recordan a emoción que sentín a primeira vez que fixemos, e tiven o pracer e orgullo de presentar, o “Aquí Portugal” desde a Praza Maior de Ourense, onde estiven falando en galego para todo o País veciño durante toda a tarde, acompañado polos grandes comunicadores da RTP. Todo un “suceço” que dirían os nosos veciños que xa me recoñecían máis abaixo de Viana do Castelo. 

Iso mesmo débelle estar pasando ao elenco de actores e actrices galegos que protagonizan a serie, como é o caso de María Mera, Chechu Salgao ou Miro Magariños, entre outros. Encantoume atoparme con María, envolta no glamour que a caracteriza para estes eventos, e posar con eles no Photocall para a posteridade. Non esquezo que esta excelente actriz case que fixo as súa primeiras aparicións televisivas participando activamente ao meu lado no “Acompáñemos” que tanto éxito tivera nas tardes da TVG, gracias a estes novos talentos televisivos que tantas ganas lle botaban. Así se enfronta María cada tarde dos sábados á súa “Carballeira”, e cando a vexo, como me pasa con Lucía Rodríguez, sempre digo que cando unha comunicadora é quen de facer televisión de rúa, con todos os imprevistos que iso conleva, xa pode facer o que lle peta noutros formatos. Tamén me fixo especial ilusión posar con Chechu Salgado, por ter saído da factoría teatral da Universidade Laboral de Ourense, onde eu vin nacer e medrar ao grupo “Sarabela” da querida Anxeles Cuña. De aí a un Goya, un paso de xigante na carreira deste ourensán. 

E o noso Ourense está moi presente neste “western” fronteirizo, co apoio decidido da Deputación, e saído do maxín do creador e amigo Ghaleb Jaber Martínez, a quen se lle vía especialmente feliz, e sobre todo despois dos prolongados aplausos recibidos ao final da proxección. Uns asistentes que acudiron para a ocasión vestidos coas súas mellores galas, recordándome cando, “voz que clamaba no deserto da incomprensión”, eu dicía na Radio Galega alá polo inicio dos 90 que este tipo de actos había que revestilos con todo o glamour posible. Non había moitas oportunidades daquelas ao longo do ano de darse un toque de “brillibrilli” e sair ben guapos nos medios de comunicación do País. 

O feito de que “Motel Valkirias” xa estea na plataforma HBO significa que o noso audiovisual xa non ten fronteiras e chega a calquera parte do mundo, podendo engancharse a estes oito capítulos nas súas versións orixinais galega e portuguesa ou dobrada ao castelán. Eu, que xa gocei do visionado do primeiro capítulo recoméndolles que se enganchen á “Galega” a noite do próximo luns, gozarán do espectáculo.

Te puede interesar