Opinión

Nas medallas Castelao

Fun convidado e alí estiven, lembrando a edición do 2020 na que o Goberno Galego tamén quixo distinguirme con tan prezado galardón. Foi un dos momentos máis emocionantes da miña vida profesional, rodeado da familia e amigos, e especialmente da miña nai tratando de conter as bágoas, cousa que lle foi totalmente imposible.

Acto de entrega das Medallas Castelao.
Acto de entrega das Medallas Castelao.

E así debían de sentirse este pasado mércores todos os achegados aos cinco ilustres premiados que nos emocionaron coas súas palabras de agradecemento, mesmo Julián Hernández, que se fixo acompañar polos últimos compoñentes de “Siniestro Total”, que por aquelo de conterse levou o seu discurso escrito, tendo un especial recordo para todos os músicos que pasaron polo grupo e moi especialmente para o gran Germán Coppini, o que logo sería alma máter de “Golpes Bajos” que tantos éxitos colleitou. Nunca esquecerei que foi o primeiro EP que merquei cando puiden facerme cun estupendo equipo de música para o piso no que vivía no Barrio da Cuña, en fronte da Universidade Laboral de Ourense, onde pasei algúns dos mellores anos da miña vida pedagóxica e lúdica.

Os cinco ilustres premiados que nos emocionaron coas súas palabras de agradecemento, mesmo Julián Hernández, [...] que por aquelo de conterse levou o seu discurso escrito

Alegreime especialmente da medalla concedida a Rafael López, Xefe de Servizo de Oncoloxía Médica no Hospital Clínico de Santiago, que dedicou o galardón, entre outros, a todos os pacientes que somos atendidos polos excelentes profesionais que dan o mellor de sí para que a nosa loita non sexa máis que un complemento a toda a súa dedicación. Quero agradecerlle especialmente o trato recibido e as palabras tan amables e cheas de ánimo cando fun a pedirlle orientación para o proceso médico no que me atopo actualmente, con resultados máis que positivos, nunha doenza que de momento non ten cura definitiva, pero que ten tratamentos cada día máis avanzados.

Alegreime especialmente da medalla concedida a Rafael López, Xefe de Servizo de Oncoloxía Médica no Hospital Clínico de Santiago, que dedicou o galardón, entre outros, a todos os pacientes que somos atendidos polos excelentes profesionais que dan o mellor de sí

Quero na persoa da doutora Sonia González que me atende actualmente, agradecer a todos os equipos de hematoloxía tanto do Complexo Hospitalario de Santiago como do Alvaro Cunqueiro de Vigo o seu traballo nestes anos que o mieloma leva convivindo conmigo.

E se de superación falamos teño que nomear a Susana Rodríguez Gacio, campioa paralímpica de triatlón adaptado, médica e fisioterapeuta, que no capítulo de agradecementos suliñou que aínda queda moito por avanzar no mundo laboral na integración das persoas con discapacidade. Do ganchete do presidente Rueda conseguíu o aplauso máis prolongado de toda a gala, emocionándonos e concienciándonos co seu discurso saído do máis profundo do corazón.

teño que nomear a Susana Rodríguez Gacio, campioa paralímpica de triatlón adaptado, médica e fisioterapeuta, que no capítulo de agradecementos suliñou que aínda queda moito por avanzar no mundo laboral na integración das persoas con discapacidade

E se de felicidade temos que falar nada mellor que nomear á escritora Ledicia Costas, outra das insignes premiadas que fixo un discurso realmente fermoso abrindo as intervencións e rematando dicindo que “son unha escritora feliz”. Toda unha declaración de principios para unha referente na literatura infantil e xuvenil, afirmando que “a lingua galega é o corazón deste País”.

E por suposto a miña felicitación ao amigo ourensán Lino de Prado, con quen tanto pulpo teño compartido no Carballiño cos irmán Carlos e Luis Portabales, este último mantendo ao igual que Lino ese cordón umbilical que une Galicia con México; agradecendo no seu discurso a todos aqueles que fortaleceron os lazos de uníon entre as dúas terras tan lonxanas pero tan próximas polo traballo daqueles primeiros que decidiron cruzar o charco para buscar unha vida mellor para eles e para os seus.

En definitiva, foi un deses actos cheos de emoción aos que sempre gusta ser convidado para aplaudirlle a todas estas persoas que fan País.

Te puede interesar