Opinión

Neurovisión

Galicia en Asturias

Este ano sí que sí, acepto con gusto o convite que me levan feito en múltiples ocasións de viaxar ata Oviedo para asistir ós actos que se celebran durante toda esta semana organizados pola Asociación Día de Galicia en Asturias, que preside de xeito ben entusiasta e acertado Manuel Fernández Quevedo. E como gusto de corresponder a aquelas persoas que me teñen en boa consideración, utilicei a miña amizade para que os artistas galegos Hugo Torreiro e Yadira acudan á capital do Principado para dar un concerto no Auditorio Príncipe Felipe, escenario polo que tamén pasarán os compoñentes máis novos da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, comandados por Marcos Foxo, con quen tiven o pracer de conversar na Praza Maior o sábado pasado na retransmisión conxunta do “Aquí Portugal” para a RTP e a TVG, que colleitou un grande éxito de audiencia e repercusión mediática, como non podía ser menos. E repercusión tamén ten esta cita anual dos galegos en Asturias, onde se lle entregarán as insignias de ouro e carnet de socios de honra á Secretaria de Estado de Presupostos e Gastos, Marta Fernández Currás, e ó Padre Angel, presidente de “Mensajeros de la Paz”, quen acaba de recibir tamén a Medalla de Ouro de Asturias polo seu labor infatigable e solidario durante 52 anos e ó longo de 40 países, atendendo a máis de 45.000 nenos e 8.000 maiores. E se de solidariedades falamos tamén compre subliñar que os artistas galegos que acoden a esta Gala farano de xeito altruísta ó tratarse dun concerto benéfico, a favor dos máis de 4.000 nenos que padecen en España a rara enfermidade chamada distrofia muscular de “Duchenne”.

Desde o primeiro momento estes xóvenes cantantes saídos da factoría de “Recantos de Luar”, que comezou onte unha nova edición, mostráronse entusiasmados por levar as súas músicas a este Día de Galicia en Asturias, e aportar o seu grao de area para esta causa solidaria tan importante. Ademáis do Auditorio, hai un sen fín de actividades festivas, empresariais, culturais e relixiosas que terán por marco a Catedral, o Hotel Tryp e o Restaurante do Hotel Castillo del Bosque La Zoreda, onde terá lugar o xantar oficial do domingo.

Eu hai moitos anos que non viaxo a Oviedo, polo que aproveitando que están en plenas festas de San Mateo, e que algo de familia Piñeiro por alí anda tamén, alongarei a miña estanza entre os asturianos para escanciar algunha botella de sidra e poder asistir ós concertos de Paula Rojo, Víctor Manuel ou o noso Iván Ferreiro entre moitos outros.

Pasarela Calpvrnia

Non podo por menos que recordar aquelas pasarelas de moda que se organizaban hai un par de décadas, e por estas mesmas datas, na Praza Maior de Ourense, e que eu tiven o pracer de presentar; e fágoo ó recibir o convite para asistir á “Pasarela CALPVRNIA” que o Concello e a Federación de Comercio ourensáns organizan, coa dirección técnica da Axencia “Luena” comandada por Manuel Varela.

Soamente pido que acompañe o tempo porque o espectáculo está servido; luz, cor, deseños, termalismo, degustacións de productos autóctonos e moitos máis ingredientes preparados e combinados para que a partir das nove da noite de hoxe sábado ós Xardíns e a Piscina das Burgas sexan o centro neurálxico da moda desde o que potenciar aínda máis o turismo nesta nosa capital termal.

Pola miña viaxe a Asturias comprometida anteriormente non me será posbile asistir, e ben que o sinto, porque encantaríame aplaudirlle a todos os modelos que van lucir a roupa de importantes firmas ourensás e ós artistas que van conducir e actuar no evento. Estarán en Ourense o presentador Rafa Durán, a actriz de “Libro de Familia” Diana Nogueira, o actor de “Física o Química” e “El Chiringuito de Pepe” Adrián Rodríguez, a gran cantante de “Tu si que vales” e “Bamboleo” Loli Nogueira e a tamén cantante deO.T. Miriam Villar. Un estupendo elenco que non dubido saberá darlle á máxica noite todo o realce que se merece, para que Ourense se converta nun gran “Escaparate ó Mundo”, en palabras dos organizadores.

Se hai máis de vinte anos o aforo  da Praza Maior non chegaba paraacoller a todo o público que desexaba asistir ó desfile, agardo que esta sexa unha desas citas que queden marcadas para sempre no almanaque dos grandes acontecementos. E ogallá que sexan moitos os turistas que nos visiten na fin de semana e que pouco a pouco vaia facéndose realidade eso que moitos comerciantes desexan, facer de Ourense un lugar apetecible para o turismo de compras.

Te puede interesar