Opinión

O casting de hai 25 anos

Durante este mes de Abril falarei moito de “Supermartes”, non é para menos, vanse cumprir nuns días os meus primeiros vintecinco anos na televisión, fundamentalmente na Televisión de Galicia, aínda que por aquelas cousas dalgúns caprichos alleos á profesión, tivera que pasar un tempiño en terras murcianas, botando a andar a súa Televisión Autonómica, da que tamén me gabo de ser o primeiro presentador en programas de variedades, con aquel “Ven a Cantar” co que percorrín toda aquela soleada rexión na que fun tratado estupendamente. 

Por estas datas no ano 1992 recibía a noticia máis ilusionante que un aprendiz de “showman” podía recibir, a de ser seleccionado para presentar un programa na televisión do seu País, despois de pasar por un casting realizado unha semana antes, co sorriso cómplice por detrás da cámara da tamén ourensá Marta Lombardero, e na que como modelo a seguir  puxéronme o “Sábado Gigante” de “Don Francisco”, un dos presentadores máis carismáticos e queridos de todo Latioamérica. Este programa foi certificado polo Libro Guinness dos Records como o programa de variedades máis antigo da televisión mundial, e do que eu puiden ver algunhas das súas últimas emisións nunha das miñas estadías en México. En “Supermartes” tamén ostentamos durante moito tempo ese título de ser o programa de variedades de maior duración ininterrumpida na historia da Televisión de España, ata que aos 14 anos de andadura alguén tivo a peregrina idea de suprimilo dun plumazo, cando durante as máis de tres horas de emisión en directo o programa acadaba unha media anual dun 20% de audiencia, con centos de miles de espectadores. 

Pero o certo é que van ser as miñas vodas de prata nos medios de comunicación, en setembro tamén as cumprirei na Radio, xa que naquel ano olímpico do 92 lle daba vida a unha ilusionante “Sesión Vermú” que para gran sorpresa e contento recuperei nesta tempada e que me segue dando moitas alegrías tanto anos despois. E as efemérides están para celebralas, por suposto, xa que botando a vista atrás e a toda esa marabillosa viaxe mediática non me cabe máis que dar as gracias a todas as persoas que seguen cada día e cada semana permitindo que entre nas súas casas, como entrei naquel outro abril de hai vintecinco anos e do que falarei máis polo miudo na próxima columna deste xornal.

 Hoxe bástame con lembrar aquel momento da chamada, cando tiña a tixola no lume do meu apartamento na Torre de Ourense, ao lado do Hotel San Martín, onde tantos anos cantei nas súas ceas temáticas dos sábados e nos seus Fin de Ano, e na alegría tan inmensa que recibín e que me levou a ter que contarllo aos meus veciños Julio e Elena, esquecéndome por completo da tixola no lume que provocuo non pouco fume; pero, que carai, era unha fumata branca en toda regra. Ía ser Presentador de Televisión, algo polo que levaba loitando desde que tiña uso de razón e me vía cal Raphael representando a España no Festival de Eurovisión. Anuncieino por primeira vez nun desfile de moda da miña amiga Cachito que eu presentaba  na discoteca Nova Vanessa, e fun inmensamente feliz, tanto que 25 anos despois estouno recordando desde o mesmo plató que me acolleu para aquel bendito casting e que me abríu as portas da Televisión. 

Te puede interesar