Opinión

O Catro Latas

Non é a primeira vez que lle dedico unha liñas ao flamante Renault-4, pero é que esta semana na Hemeroteca de “La Región” aparecía unha foto dun anuncio de 1969, cun daqueles coches que tanto marcaron parte da miña vida, xa que pode dicirse que os momentos de traballo e de ocio da miña familia xiraban moito en torno a aqueles “ferradás”, como lle chamaba meu pai aínda non sei ben por que, que o mesmo cargaban ducias de arados recén feitos con destino Ponferrada, neste caso o modelo furgoneta, que nos levaban de viaxe a Eibar para ver á familia, neste caso o modelo máis “luxoso”.

Porque para todo servían aqueles estupendos coches, e ese ano 69 foi o da chegada alucinante do fantástico “rojillo” á explanada do Seminario Menor de Ourense un domingo pola tarde, día de visita, onde, como xa contei moitas veces, eu lle comuniquei á miña nai que non quería seguir estudando nun lugar onde non me deixaban ver como Salomé gañaba Eurovisión. Hai prioridades na vida, e a de cura ben podía agardar, como nós seguimos agardando 50 anos despois a que alguén tome o relevo eurovisivo do “Vivo Cantando”.

Alí quedou Manolo Rodicio para vestir sotana, en representación do trio de monaguillos de Allariz que completaba Perfecto Fernández, e rematar a súa prolífica carreira exercendo, entre outras encomendas, de párroco do noso querido pobo, despois de tratar de falicitarlles algo a vida, en corpo e alma, a moitas boas xentes de Ecuador.

Eu non sei se me acompañaban estes amigos aquela tarde da chegada do Renault-4L recén estreado ao Seminario, seguramente que sí porque cando algunha familia viña de visita era todo un acontecemento, pero estou seguro que lles causaría un efecto parecido a cando Rodicio estreou o seu balón de coiro para envexa dos máis “gallitos” do patio de xogos. O balón durou o que durou, porque alternativas ao fútbol nos recreos había poucas, salvo os que valentemente conformamos o primeiro equipo de “minibasquet”, non vale rirse; pero o coche durou unha eternidade, tanto que agardou por min para que o meu primo José Luis me aprendera a conducir nel polas corredoiras que ían de Vilaboa cara Vilar de Flores, lonxe dos ollos da Garda Civil; aínda que logo tivera que formarme adecuadamente na pontina “Autoescuela Gabelo”, entre outras cousas, ademáis das legais, porque o cambio de marchas neste Renault estaba ao lado do volante, como no Seat 1500, salvando as distancias, que estes últimos estaban reservados para médicos e demais persoas de alta prestancia.

Dicía o de duración eterna porque se na súa estrea eu aínda andaba de pantalón curto, e os últimos quilómetros que lle fixen xa levaba cursados varios anos de Pedagoxía no Colexio Universitario do Posío, poden botar as contas e verán como salvando algúns pinchazos polas rodas recauchutadas e as sempre malditas trócolas que me deixaban tirado no medio da noite no Alto do Cumial, o “rojillo” foi estupendamente, por moito que a miña compañeira Luisa Irene se empeñase en chamarlle “jardilín” polo musgo que lle ía saíndo entre os cristais e as portas nos meses de inverno. Hai que pensar que o pobre 4-L sempre durmíu fora, e os nosos invernos de antes nada tiñan que ver cos de agora, cando as noites eran das que conxelaban varios días a fonte da Barreira e as bombonas de butano non daban abasto para surtir ás “Agni” e ás “Superser”.

Te puede interesar