Opinión

O embruxo de Baiuca

baiuca
photo_camera baiuca

Descubrín a Alejandro Guillán cando hai algúns anos apareceu en “Bamboleo” presentando o disco “Antagonasia” acompañado dos seus sintetizadores e a súa divertida coreografía. Era un pop electrónico fresco e distinto, que ao meu modo de ver estaba facendo falta neste noso noroeste peninsular, pero a cousa non chegou moi lonxe e deixei de saber del, ata que no ano 2018 apareceu “Solpor”, o seu primeiro álbum firmado co seu novo nome, “Baiuca”. A partir de aí todo foi distinto e todo foi mellor; non é que aquela primeira aposta fose mala, nin moito menos, é que ou non era o momento ou non callou entre a rapazada deste noso país. E de repente xorde este disco no que o tradicional e a electrónica de vangarda non soamente conviven senón que se complementan e converten a Baiuca nun referente a nivel nacional e internacional. Aquelas cancións que incluía o disco como “Muiño”, “Solaina” ou “Morriña” entre outras, conseguen espreguizar a toda unha nova xeración de mozos galegos, e non galegos, que comezan a engancharse a esta nova proposta. Con este “Solpor” actúa nos mellores festivais e lugares de culto da música electrónica, e moi pronto é a prensa especializada quen lle brinda os mellores piropos. El sempre di que seguramente foi a súa estadía en Madrid e a súa “morriña” quen lle fixeron ver as cousas con claridade e, aínda que a idea xa a levaba enfornada de Galicia, sería na capital de España onde “Solpor” saíse como un todo engaiolante.

Agora, tres anos despois, preséntanos “Embruxo” inspirado polos nosos poetas e polos mitos seculares da nosa Terra; e de novo caemos, máis se cabe, no marabilloso feitizo das súas músicas. Quixo rodearse Baiuca das fermosas voces de “Lilaina” e do mestre Xosé Lois Romero, así como do gaiteiro Cristian Silva, outro mestre rompedor na música galega, que tamén está sempre disposto a dar un paso adiante nas súas propostas, tanto musicais como escénicas. E se falamos de escena temos que nomear necesariamente ao cineasta Adrián Canoura, álter ego de Baiuca e creador de todo o imaxinario visual do seu traballo , recollendo nos seus vidoclips esas meigas, diaños, lúas ou carballos que reflicten perfectamente o ambiente de misticismo que Baiuca quería para o seu disco e os seus videos. Nun deles, “Veleno”, o auténtico protagonista, ademáis da música e a ambientación, e o magnífico axitador folclórico asturiano Rodrigo Cuevas, que está sinxelamente fantástico interpretando ao “Célebre Manuel”, inspirado no personaxe da película de Canoura “Caerán lostregos do ceo”.

Confesa Alejandro que está encantado con esa forte conexión que se esta a dar coa xente máis nova, que se achegan ao noso idioma a través das súas cancións. Fálame para a radio desde Barcelona, cidade na que decidíu asentarse, e a pesar de que a pandemia, e mesmo a visita do coronavirus, quixeron complicarlle as cousas, confésame que está enormente satisfeito e feliz con este “Embruxo”, e que sente moito orgullo de levar por todo o mundo a súa música de fondas raíces na cultura espiritual e mística galega, nun momento no que xornalistas de renome din que “Embruxo está chamado a converterse nun dos albumes do ano” e que “calquera historia da música galega do Século XXI deberá citar necesariamente a Alejandro Guillán”, pois xa está todo dito, absolutamente “embruxados”.

Te puede interesar