Opinión

"O sabor das margaridas"

Confeso que estou enganchado á serie "O Sabor das Margaridas". Tiña ganas de ver a María Mera nun papel diferente a outros ben destacados como os de "Matalobos", onde bordaba o papel de Vanesa Viaño ou o seu protagonismo na tamén exitosa "Dalia a Modista". Da versatilidade desta querida amiga non tiña ningunha dúbida, xa que tiven a fortuna de contar con ela no "Acompáñenos", onde exerceu de magnífica reporteira deixando claro que o futuro era seu, como o doutras marabillosas compañeiras ás que o programa lles servíu de lanzadeira, como Alba Lago, hoxe nos informativos matinais de Tele5 ou Inma Morandeira, actualmente presentando "Eu quero ser", un novo formato de TVG no que os nenos e convidados famosos fannos revivir os anos de infancia dun xeito divertido e pedagóxico, tal como vimos na primeira entrega co prestixioso cociñeiro Iván Domínguez. Sen esquecerme de Juan Fuentes  que cada sábado pola tarde, ao lado de Lucía Rodríguez, nos levan de viaxe polo País a través de "Aquí Galicia", acompañados de Bernardo Montaña que cada día tamén nos alegra a sobremesa conducindo o concurso "Coma un allo". Non hai cousa que máis me satisfaga que ver como aqueles rapaces que me acompañaron en diferentes programas fóronse convertendo en grandes comunicadores ou en profesionais de altura destacados nos créditos dos mesmos, tanto en Galicia como a nivel estatal, como é o caso de Carlos Sedes, a quen tiven a sorte de ter no equipo de realización de "Supermartes" e que en pouco tempo pasou a dirixir series tan importantes como "Padre Casares", "Gran Hotel" ou a premiadísima "Fariña". 

E volvendo á nosa protagonista, hoxe encarnando a Rosa Vargas, tenente da policía xudicial da Garda Civil, dicir que María Mera sempre se entrega en corpo e alma a cada traballo que fai, mesmo cando está embarazada, cousa que lle sucede neste momento onde segue exercendo de copresentadora en "Luar", e onde nos vai poñendo ao día de como vai a xestación da súa segunda nena, a quen agarda con ansia a pequena Dalia que vai cumprir 3 anos en novembro. Sempre lle gustou a María estar en permanente contacto cos seus seguidores, facer pousados fotográficos, mesmo embarazada, e contar todo o que lle acontece, cousa que agora fai a través da súa propia canle en YouTube.

Confésase moi nai e namorada dos pequerrechos, por iso se desenvolvía tan ben en "Un mundo de nenos" que ela presentou e onde tiven o pracer de ser convidado. Sen esquecer a súa faceta como actriz teatral destacando en papeis como o protagonizado en "Salomé" do CDG. Recórdame moito esta muller á outra querida amiga, a viguesa María Castro, a quen agora vemos entre fogóns e que nos seus arranques no audivisual xa era todo corazón e entrega, e así nolo contaba cada vez que viña de "Mentireira" ao "Supermartes". As dúas Marías fan ximnasia, patinaxe e baile, completado no caso da Mera con esgrima, equitación, e pandeireta tradicional, entre outras moitas afeccións. E da Castro tamén sei que se apunta a un bombardeo, ela sabe do moito cariño e respecto que lle profeso.

E para rematar dicir que "O Sabor das Margaridas" tenme en albas por saber quen é o asasino, pero entre tanto sospeitoso soamente digo que o rapaz que lle fai as fotos á filla do cabo non me gusta nadiña, aí hai fondo escuro e ten que haber algo raro.

Te puede interesar