Opinión

O vaivén da moda

Falaba onte á noite no meu programa da Radio Galega co estudioso da moda Román Padín, que modestamente así lle gusta definirse, ademais de ser doutor en Arte Contemporánea e Licenciado en Dereito, así como profesor convidado na escola de moda Esdemga, e ter comisariado exposicións como a de “Vestir Épocas 1860-1960” no Museo de Belas Artes da Coruña, e sacar tempo ao tempo para dar conferencias, escribir, crear e estar sempre ao día de todo o que se move no mundo da cultura, da moda e da arte. 

Como poden imaxinar a entrevista sóubonos a pouco a pesar de estar case unha hora paliqueando do divino e do humano; pero sobre todo falando de por onde van as tendencias actuais cando a pouco que nos fixemos pola rúa a xente máis nova decidiu ir saíndo da pandemia vestindo como lle peta, pasando do pantalón máis “pitillo” a aqueles anchos e esfiañados doutras épocas, ou mesmo os estilo bombacho que tan mal lles senta a case todos e todas.

 Aínda que tamén é certo que hai un desfile incesante de sobrecamisas de cadros, e unha uniformidade en canto a corte de pelo se refire nos milleiros de “tick tockers” que han ter que madrugar do lindo para ir ao instituto cuns rizos que nada teñen que ver co seu pelo natural; pero as redes sociais mandan e hai que seguirlle o xogo para non desentoar. E falo máis en masculino porque coincidiamos o profesor Padín e eu que levamos uns anos nos que os rapaces son bastante máis coquetos que as rapazas, e para elo soamente hai que fixarse nos toques de pelo que se dan por minuto mentres camiñan con esa actitude chulesca de comerse o mundo. 

A moda de 1970.

Se eles deciden que en pleno mes de agosto hai que levar uns calcetíns de deporte subidos ata os xeonllos facendo que eses pés estean recocidos da mañá á noite, ou que no inverno o mellor é non levar calcetíns e cortarlle ao pantalón ata ben arriba lucindo nocellos e ir disimulando o frío polar que van sofrindo, pois faise e punto.

Non serei eu quen os critique cando cos seus anos eu trataba de seguir a moda á miña maneira, fora aforrando dous meses para mercar a cazadora de Adolfo Domínguez, fora pedíndolle á miña costureira nai que desfixera un par de sabas de prezado liño para confeccionarme un traxe para estrear nun desfile de “Maruska & Claudio” no Parador de Baiona, ou fora calzando unhas botas de plataforma con poncho morado para ser o máis moderno da Universidade Laboral da Coruña, onde eu cursaba COU.

Aínda me enviaba un amigo moi recentemente unha foto dunha camisa vermella preciosísima  que estreei para presentar un dos moitos desfiles de moda que faciamos en Ourense, nas discotecas e salas de festa “Vanesa”, “Dominique-Fresas” ou “Lázaros”. Os máis novos poden pensar que non hai nada de especial en poñerse unha camisa vermella, evidentemente hoxe non, pero daquelas era absolutamente rompedor, como o eran as camisas de flores para homes ou os pantalóns vaqueiros brancos, vermellos ou verdes que soamente se atrevían a poñer os mariñeiros de Vigo ou do Morrazo cando chegaban de faenar en augas de Latinoamérica, ¡e que alguén se atrevera a dicirlles algo! Ben é certo que os que tivemos a fortuna de nacer ou residir en Ourense e Vigo vivimos a moda de xeito ben diferente ao resto de Galicia; cando os rapaces e rapazas vigueses das “scooter” calzaban as flamantes botas “Art”, en Compostela aínda levaban os “castellanos” de borliñas con calcetín negro executivo. 

Te puede interesar