Opinión

Orgullo de "Pano corado"

Agora tócalle á querida “Tanxugueira”, Olaia Maneiro, o de aparcar as súas redes sociais unha tempada ata que colla de novo as forzas necesarias para poder xestionar con tranquilidade esta nova situación profesional xurdida nos últimos tempos, desde que “Midas”, “Figa” e “Terra” lles abriron o portalón polo que entraron milleiros de novos seguidores que descubriron as marabillas musicais deste noroeste peninsular.

Estas mulleres inquedas, falangueiras e fantásticas teñen desde sempre o bo costume de utilizar as novas vías de comunicación para estar en conctacto coa súa xente, sendo especialmente xenerosas en momentos nos que precisabamos que alguén nos sacase un sorriso, facendo actuacións “on line” e compartindo sentimentos e experiencias durante tantas horas de reclusión pandémica forzosa. E todo feito de xeito altruista e con esa maneira que teñen estas artistas de poñerse diante da cámara ou do micrófono, con naturalidade, con sinceridade e con esa frescura que tanto se agradece, aínda que ás veces haxa quen mal interprete algunha palabra ou frase sacada de contexto asignándolle un significado que non ten.

Nunca na vida houbo tantos censores e inquisidores como nos tempos que corren, o anonimato é unha arma perigosísima que moitos utilizan para deixar que saian os seus máis baixos instintos e frustracións. Temos visto nalgún programa televisivo de investigación como son realmente algúns destes personaxes, recluídos nos seus apestosos antros todas as horas do día disparando dardos envelenados desde os teclados do ordenador sen pensar, non teñen cabeza para elo, o dano irreparable que poden estar facendo, mantendo vivo ese dito tan antigo e perigoso de “difama que algo queda”.

“Tanxugueiras” acaba de estrear onte mesmo un novo single e vídeo titulado “Desidia”, fermoso como sempre, poucas semanas despois de impactar co “Pano Corado” que non deixou a ninguén indiferente; unha aposta pola diversidade, polo amor sen complexos nin limitacións, pola vida plena sen armarizar neste mes do “Orgullo”, que ben puidera converter este tema no seu himno traducido a todos os idiomas do Estado. É moi de agradecer que estas nosas pandeireteiras e cantoras, no momento de máis éxito da súa carreira, se impliquen tan directamente e lle poñan música, letra e imaxe ás reivindicacións de milleiros de persoas que levan loitando pola igualdade, a tolerancia, a felicidade e o amor; e sobre todo por todas esas persoas que dada a súa complicada situación familiar ou laboral tiveron e teñen que seguir vivindo ocultos nunha dobre vida, mesmo no círculo dos seus amigos máis directos. As imaxes dos rivais futbolísticos bicándose neste “Pano Corado” son das que dan a volta ao mundo; pero tamén son, querida Olaia, das que as forzas máis reaccionarias e castrantes se aproveitan para facer todo o dano posible aos que as protagonizan e difunden. Estamos en momentos moi complicados a todos os niveis, había décadas que nunca tanto altavoz tiveron estes “perdoavidas”, nunca tanto medo tivemos a perder o conseguido nos anos de democracia e loita, e é por iso que a vosa canción e o voso vídeo son un acto militante que fai realidade ese outro dito de “para atrás nin para coller carreiriña”.

Querida Olaia e queridas “Tanxugueiras”, gracias por ese “Pano Corado”, en nome, sobre todo, de quen non volas poden dar públicamente.

Te puede interesar