Opinión

En Ourense con Valeriano Martínez

Valeriano Martínez.
photo_camera Valeriano Martínez.

Tivo que ser meu compañeiro de fatigas Sevi quen me transmitira a terrible noticia a través do Telexornal do mércores, cando eu acababa de chegar de Santiago e me dispuña a xantar tranquilamente diante do televisor. O golpe que recibín foi de tal magnitude que non puiden seguir comendo, e confeso que despois dos primeiros minutos de estupefacción saíronme unha bágoas ben sentidas por quen fora máis que un alumno, un amigo na Universidade Laboral de Ourense. Eran os primeiros anos da democracia e inaugurabamos aquel marabilloso centro educativo do barrio da Cuña a onde chegaban alumnos de todos os puntos de Galicia e de España; e ata Ourense chegou Valeriano Martínez desde as súas terras do Morrazo, ao que eu recordo con moitísimo cariño, porque ao longo dos cursos fomos forxando unha gran amizade, xa que a idade que nos separaba era mínima; el comezaba o bacharelato e eu Pedagoxía no Colexio Universitario. E tiven a inmensa fortuna de que Pepe Hermida me fichara como Educador daquela “UNI” que se botaba a andar no ano 1975, cando eu apenas cumpría os 18 anos. Alí tivemos a sorte de poder poñer en práctica moitas das ensinanzas que recibiamos na Universidade, e transmitirlle aos nosos tutelandos os valores que nós iamos interiorizando nuns tempos nos que estaba todo por facer, nun País que espertaba despois de 40 anos de ditadura.

Eran tempos nos que entre o alumnado interno reinaba unha nobreza realmente encomiable, evidentemente con todo o que leva consigo pasar a adolescencia lonxe das súas casas e que recaera en nós a educación que recibían a todos os niveis; eran tempos nos que se cuestionaba case todo e había moitas cousas que negociar con eles, nuns centros educativos que se caracterizaban polo diálogo e o ensino máis avanzado. Un diálogo que era fundamental ao convivir cos rapaces as 24 horas do día; e neso recordo que o amigo Valeriano levaba a palma, xa que con educación, serenidade e sobre todo con moita retranca, propia das súas terras de Aldán, conseguía coa súa curta idade manter unhas conversas realmente interesantes. Era, ao dicir da súa profesora Emilia, un alumno brillante en matemáticas, por iso non foi de estranar a súa carreira na administración pública galega e en ser a man dereita do Presidente Núñez Feijóo, que sempre buscou nel o seu sabio consello para descifrar a letra pequena de moitos asuntos de gran enxunlla.

Non son eu dos que molestan cando os meus antigos alumnos ocupan postos de responsabilidade; de feito, de Valeriano o que sabía era o que me chegaba pola miña amiga Gloria Ferreiro, Doña Hermitas de “Supermartes”, que compartíu con el moitas horas de traballo e vida; eu practicamente coincidín soamente nalgún acto oficial como cando paliqueei con el e co Presidente na entrega da Medalla Castelao a Gayoso, nunha conversa na que Feijóo se entera de que fora o meu alumno e espetoulle: “fai o favor de coidarte que Piñeiro parece o teu fillo”. Imaxino que os postos que ocupou Valeriano deixaban pouco tempo para coidar o corpo coa mente sempre a mil por hora. Logo coincidiriamos cando o Governo Galego quixo concederme a min tamén a Medalla Castelao, e cando no meu discurso me referín ás benditas Universidades Laborales, mirei para Valeriano, que estaba na primeira fila, e el cos ollos mandoume todo o seu cariño, que sei que me tiña. Todo o cariño que eu hoxe lle mando a el,  á súa familia e aos seus compañeiros. Que descanses en paz.

Te puede interesar